A Xunta participa na reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o desenvolvemento

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou no encontro convocado pola Secretaría de Estado de Cooperación Internacional para debater o Anteproxecto de lei de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global

A Xunta incide en que se recoñeza o papel da cooperación descentralizada como elemento esencial do sistema de cooperación en España e na recuperación da Educación para o Desenvolvemento como eixo estratéxico
 

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento, cuxo principal asunto foi o debate sobre o Anteproxecto de lei de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global aprobado polo Consello de Ministros o pasado 11 de xaneiro. O texto substituirá á lei de 1998 e constitúe ou primeiro paso para realizar unha actualización integral do sistema de cooperación
Na reunión, que estivo presidida pola Secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Pilar Cancela, analizáronse as alegación e propostas de mellora ao citado texto presentadas polas comunidades e as entidades locais.
A xuízo do Goberno galego o texto constitúe una proposta positiva de reforma normativa do sistema español, que resulta coherente e complementario co Título VIII da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
As propostas de mellora achegadas pola Xunta inciden en destacar a importancia do carácter multinivel da Cooperación Española, que recoñeza o papel da cooperación descentralizada como elemento esencial e diferenciador do sistema de cooperación no noso pais, así como recuperar a Educación para o Desenvolvemento como eixo estratéxico do sistema e non coma simple instrumento de cooperación.
A Xunta participou ao longo de 2021 no proceso aberto para a reforma do marco normativo estatal e do sistema español de cooperación internacional para o desenvolvemento. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE compareceu no pasado mes de abril nas Comisións de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento do Congreso dos Deputados e do Senado, co fin de achegar a visión da cooperación descentralizada, destacando tamén as singularidades e o valor engadido que achegan as comunidades autónomas ao conxunto da cooperación española.

A Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento é o órgano consultivo e de coordinación, concertación e colaboración entre as administracións públicas que levan a cabo acciones de cooperación para o desenvolvemento. Está presidida pola Secretaría de Estado de Cooperación Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación (MAEC), e forman parte dela representantes de diferentes departamentos da Administración Xeral do Estado, das Comunidades Autónomas e das Entidades locais.
 

Imaxes relacionadas