Feijóo trasladará ao Goberno na Conferencia de Presidentes a proposta de compartir a responsabilidade de execución dos fondos europeos Next Generation

Asevera que do total dos fondos que Europa destina a España, o Goberno resérvase 7 de cada 10 euros, e, dos máis de 11.400 M€ repartidos no 2021, o 21% distribuíronse fóra das conferencias sectoriais

Explica que máis da metade dos fondos que Europa xa enviou a España non se traduciron aínda en convocatorias
 

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que trasladará ao Goberno na Conferencia de Presidentes que se celebrará na Palma a vindeira semana a proposta de compartir a responsabilidade de execución dos fondos europeos Next Generation.

Logo de insistir en que os datos acreditan que estamos ante uns fondos “centralistas” e “cunha enorme lentitude na súa convocatoria e, aínda máis, na súa execución”, Feijóo aseverou que “ou vamos máis rápido, ou non se executarán os fondos; ou descentralizamos máis, ou quedarán bloqueados nos ministerios; ou activamos todos os PERTES ou a maioría dos sectores económicos non terán posibilidade de chegar nos anos 2023 e 2026 a ter executados os fondos”.

Segundo o informe avaliado hoxe na Consello da Xunta, do total dos fondos que Europa destina a España, o Goberno resérvase 7 de cada 10 euros, e, “dos máis de 11.400 M€ repartidos no 2021, o 21% distribuíronse fóra das conferencias sectoriais”, explicou Feijóo. No caso da industria a situación é, segundo o presidente da Xunta, “aínda máis sorprendente”, dado que o Ministerio se reserva o 100% dos fondos para o seu reparto.

No tocante á falta de axilidade no reparto, Feijóo dixo que máis da metade dos fondos que Europa xa enviou a España non se traduciron aínda en convocatorias. Dos fondos previstos para o tecido produtivo en 2021 só se resolveron o 20% das convocatorias e ata agosto só se inxectaron 5.000 M€, dos que só o 2% foron para as empresas.

Tras explicar que Galicia é a décima autonomía no reparto per cápita con pouco máis de 250 euros por habitante, Feijóo incidiu en que “as comunidades autónomas cun PIB inferior á media deberían recibir moito máis diñeiro per cápita”.

Deste xeito, o Goberno asignou a Galicia uns 700 M€ no 2021, pero só se ingresaron ao redor de 400 M€. Os fondos asignados xa están planificados para 75 actuacións e convocatorias de axudas en ámbitos como a transición enerxética, a mellora da competencia dixital educativa, a proxectos de innovación en política social e a impulsar o emprego dos mozos ou as mulleres.

O presidente da Xunta salientou que en Galicia “fixemos os deberes” ao presentar unha candidatura forte aos Next Generation con proxectos como a creación da primeira fábrica de fibras téxtiles sostibles de España, dun centro de economía circular para xerar biogás ou a implantación dunha planta de hidróxeno verde.

Ademais, a Comunidade tamén conta con candidaturas para os PERTES que anunciou o Goberno en automoción, saúde de vangarda, enerxías renovables e agroalimentación, cun investimento global proposto desde Galicia de 8.500 M€. Son proxectos nos que participan 200 empresas e co obxectivo de crear 10.000 empregos. “Lamentamos a falta de concreción do Goberno porque só se aprobaron as bases de catro convocatorias, pero non se abriu o prazo de solicitude en ningún dos PERTES”, concluíu Feijóo.
 

Imaxes relacionadas