A Xunta colabora coa Federación de Comercio da Mariña no impulso á venda en liña de produtos agroalimentarios locais

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou en Foz na presentación do novo marketplace Afeira.gal, que a Administración autonómica apoia con 48.000 euros a través do programa de axudas para a creación e lanzamento de plataformas dixitais para produtos agroalimentarios no medio rural

Tamén se reuniu con representantes da Federación e das distintas asociacións de comerciantes da comarca para coñecer as súas propostas e informalos das liñas de apoio para impulsar o comercio de proximidade galego que se activarán este ano

Foz (Lugo), 17 de febreiro de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Foz na presentación de Afeira.gal, o novo marketplace impulsado pola Federación de Comerciantes A Mariña, que permite adquirir en liña peixes e mariscos, produtos de panadería e repostería ou bebidas de produtores e comercios locais, avanzando así na súa dixitalización.

A Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoia con 48.000 euros esta plataforma dixital a través do programa de axudas para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural. A través desta convocatoria concedéronse axudas por preto de 590.000 euros a 18 beneficiarios, entre os que se atopan tamén concellos de menos de 10.000 habitantes e Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), ademais da Federación de Comerciantes A Mariña.

Así, impúlsanse accións de promoción comercial e de acceso a innovadoras canles de venda a través da creación e lanzamento de plataformas de marketplace, co fin de darlles unha proxección de venda para adaptarse á nova demanda e perfil do consumidor.

Encontro co comercio local

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, tamén mantivo hoxe en Foz un encontro con representantes tanto da Federación de Comerciantes A Mariña como de diferentes asociacións locais de comerciantes da comarca, co obxectivo de coñecer as súas propostas e informar sobre os diferentes programas de apoio que activará este ano o seu departamento.

Neste sentido, trasladoulles que a Xunta vai seguir traballando na competitividade do comercio de proximidade galego desde eidos como a dixitalización, a sostibilidade e ecoinnovación e a formación permanente dos profesionais, adaptando o comercio de proximidade ás novas tendencias e hábitos de consumo, así como ao actual contexto económico.

Imaxes relacionadas