A Xunta habilitará un espazo no edificio xudicial de Ourense como oficina de apoio ás persoas con discapacidade

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe o espazo no 5º andar e que dependerá do Xulgado de Familia co obxectivo de ofrecer de maneira pioneira maior axilidade e mellor atención ás persoas con discapacidade nas súas xestións coa Administración de Xustiza

A nova oficina será atendida por 3 dos 14 funcionarios que integran o Xulgado de Familia de Ourense
 

Ourense, 17 de febreiro de 2022

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou esta mañá o edificio xudicial de Ourense, onde se habilitará de forma pioneira en Galicia, un espazo destinado a concentrar a tramitación das medidas xudiciais de apoio ás persoas con discapacidade. Na visita estivo acompañado polo presidente da Audiencia Provincial de Ourense, Antonio Piña; o xuíz decano, Leonardo Álvarez Pérez; a fiscal xefe provincial, Eva Regueiro; e o secretario coordinador provincial, Marcos González.
Deste xeito, preténdese acadar unha maior axilidade e unha mellor atención ás persoas con discapacidade, dando resposta ás modificacións introducidas na Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

A oficina, segundo explicou o director xeral de Xustiza, estará integrada funcionalmente no Xulgado de Familia e contará con tres funcionarios -un xestor e dous tramitadores procesuais- baixo a dirección dun letrado da Administración de Xustiza.

Nesta liña, lembrou que este Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense, o Xulgado Familia de Ourense conta cun cadro de persoal de 8 funcionarios titulares, pero vén sendo reforzado con persoal de apoio dende o ano 2012 ata acadar co nomeamento do último reforzo, feito esta última semana, un total de 14 funcionarios de todos os corpos, dos que precisamente 3 integrarán a nova oficina en apoio ás persoas con discapacidade.

Esta actuación enmárcase dentro do plan de reforzo que, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial, se leva a cabo neste órgano xudicial para contribuír a reducir a pendencia na tramitación dos asuntos que ten acumulados.

Cómpre lembrar que co obxectivo de mellorar o acceso á xustiza das persoas con discapacidade intelectual, a Xunta colabora desde 2018 coa Federación galega de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión) no proxecto de adaptación de sentenzas e doutros documentos xudiciais a lectura fácil, unha iniciativa que se desenvolve en 10 xulgados de Primeira Instancia e Instrución da comunidade, entre eles este nº6 de Ourense.


O director xeral de Xustiza destacou o compromiso da Xunta cunha Administración da Xustiza inclusiva e accesible para toda a cidadanía. Nesta liña, incidiu na importancia de garantir o acceso á xustiza en igualdade de condicións ás persoas que poden presentar maiores dificultades para entender os procesos xudiciais e os seus resultados coa posta en marcha dos mecanismos necesarios.

Co mesmo obxectivo, a Xunta traballa na implantación en tódalas sedes xudiciais das cidades onde se atopan as subdireccións do Instituto de Medicina Legal (Imelga) das salas Gesell, desde as que testemuñas menores de idade e tamén outras persoas especialmente vulnerables como vítimas de delitos graves ou, neste caso, persoas con discapacidade, poden declarar en privacidade. O Goberno galego xa ten instaladas salas deste tipo nos edificios xudiciais de Ourense, que foi a primeira de toda Galicia acondicionada para evitar a vitimización secundaria e evitar momentos traumáticos ás testemuñas, ás que se sumaron as de Santiago e Lugo, ao mesmo tempo que se avanza na súa posta en marcha en Pontevedra e na Cidade da Xustiza de Vigo, así como nos xulgados da Coruña e Ferrol.
 

Imaxes relacionadas