O presidente da Xunta asistiu esta mañá á inauguración do II Encontro Internacional de Economistas Contables

Feijóo pide ao Goberno corrixir a lentitude e a pouca cogobernanza no reparto dos fondos Next Generation para non perder "unha oportunidade histórica"

Recorda que, se ben hai proxectos tractores nacionais que debe xestionar o Executivo central; hai outros proxectos territoriais que requiren un reparto moito máis rápido e eficiente, ante a necesidade de cumprir as anualidades comprometidas en Europa para poder executalos

“Regras de xogo claras, transparencia nas convocatorias e concorrencia competitiva no reparto. Iso é o que pedimos”, reitera

Santiago de Compostela, 17 febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe novamente ao Goberno central corrixir a lentitude e a pouca cogobernanza no reparto dos fondos Next Generation, “para non perder -insistiu- unha oportunidade histórica”.

“Regras de xogo claras, transparencia nas convocatorias e concorrencia competitiva no reparto. Iso é o que pedimos”, abundou, lamentando que só 1 de cada 4 euros dos fondos europeos son xestionados polas comunidades. Sobre este punto, recordou que, se ben hai proxectos tractores nacionais, que debe xestionar o Executivo central; hai outros proxectos territoriais que requiren un reparto moito máis rápido e eficiente, ante a necesidade de cumprir as anualidades comprometidas en Europa para poder executalos.

Durante a inauguración do II Encontro Internacional de Economistas Contables, o titular do Executivo galego salientou que, pola súa banda, Galicia fixo os deberes e cumpriu en todo momento, cunha candidatura sólida, construída cos sectores estratéxicos da Comunidade: automoción -co proxecto AutoÁncora-; biotecnoloxía e saúde personalizada -crear unha nova fábrica de vacinas ou a consolidación da incubadora de novos fármacos-; agroalimentario -con proxectos como o de Anfaco-Cecopesca-; economía circular -cun centro de transformación de xurros en fertilizantes e biogás-; e forestal -cunha fábrica de fibras téxtiles-.

Feijóo aproveitou a súa intervención para recoñecer o traballo do noso tecido produtivo que fixo posible que, durante a pandemia, a economía galega resistise mellor. Así, a pesar das dificultades, resaltou que Galicia xa bateu o seu récord histórico de exportacións -de feito, a peche de 2021, supéranse por primeira vez os 25.000 millóns de euros-; “en xaneiro rexistramos a cifra de paro máis baixa dese mes nos últimos quince anos; somos a segunda comunidade con menor débeda por habitante e pagamos aos provedores en 11 días, antes que a media española”.

O titular da Xunta concluíu avogando pola política útil, que achega estabilidade desde as institucións e que propón solucións realistas, “dous activos -dixo- imprescindibles para gobernar”.

Imaxes relacionadas