A Xunta destaca a capacidade da Galicia empresarial para saber adaptarse ao contexto actual

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na Coruña na xornada Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2022, organizada por BDO e onde puxo en valor a boa marcha das exportacións galegas durante o último ano, que acadaron “cifras históricas”

Salienta que o informe elaborado pola consultora constata que o 93% das empresas entrevistadas afirma que as súas expectativas de evolución serán positivas este ano, e que nos primeiros 9 meses de 2021 o apetito investidor aumentou en Galicia un 18,4%, ata os 4844M€

A Coruña, 17 de febreiro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou hoxe a boa marcha das exportacións galegas durante o último ano, ao acadar “cifras históricas” e superar por quinto exercicio consecutivo a barreira dos 20.000 millóns en vendas ao exterior. Este dato serviulle para destacar o papel dunha “Galicia empresarial que ten sabido adaptarse aos tempos poñendo ás miras máis alá”.

Guldrís interveu esta mañá na Coruña na xornada Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2022, organizada por BDO, na que estivo acompañado polo director de XesGalicia, Rubén Aguión. Alí resaltou a importancia da internacionalización nun mundo global, e puxo en valor o traballo do tecido empresarial para promover “o mellor ciclo exportador da historia de Galicia”.

Sobre esta base, o director do Igape avogou por reforzar a cooperación público-privada na procura de identificar novos retos e cumprir cos obxectivos marcados. Algo para o que, como explicou, informes como o de BDO resultan “un punto de apoio moi importante nun contexto tan complexo como o actual”.

Así, apuntou Guldrís, o 93% das empresas enquisadas afirma que as súas expectativas de evolución serán positivas este ano, mentres que seis de cada dez compañías xa teñen recuperada a actividade precovid. Ademais, o informe amosa un incremento do “apetito investidor” en Galicia: durante os nove primeiros meses de 2021 aumentou un 18,4%, acadando os 4844M€, con 618 investimentos, un cento máis que no mesmo período do exercicio anterior.

Sobre esta base, o director do Igape resaltou a necesidade de seguir traballando para superar os problemas conxunturais que atinxen á economía, entre os que citou a inflación, os custos enerxéticos, o encarecemento do transporte internacional ou o das materias primas.

Para afrontar estes desafíos, detallou, Galicia conta cos orzamentos máis altos da súa historia; co Plan Estratéxico de Galicia ata 2030, que se aprobará neste primeiro trimestre e que incluirá obxectivos clave para o futuro da industria; a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; e a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation.

Unha candidatura sobre a que, afondou, estase a facer un importante traballo da man do tecido empresarial e dos axentes económicos e sociais para presentar “proxectos sólidos” como a fábrica de fibras téxtiles, unha planta de biocombustibles ou AutoAncora no eido da automoción.

“BDO recórdanos neste traballo que un 70% de empresas galegas espera poder beneficiarse destes fondos europeos”, sinalou Guldrís, defendendo, así, a necesidade de que estes fondos “empapen toda a cadea de valor dos nosos sectores estratéxicos para chegar ás pemes”.

Imaxes relacionadas