A Xunta destaca a boa acollida das axudas destinadas aos concellos para financiar a adquisición de vehículos híbridos ou eléctricos para as policías locais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicou hoxe no Parlamento de Galicia a Orde de axudas destinadas para o financiamento de vehículos eléctricos ou vehículos híbridos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco

As axudas van destinadas ás cotas mensuais do renting do vehículo durante un período máximo de 48 meses ata un máximo do 75% do custo total das cotas do renting, cun límite de 33.600 euros de subvención por concello

Neste marco esta liña de axudas contribúe a renovación das flotas de vehículos dos corpos de Policía Local de Galicia, limitando e reducindo o incremento das emisións de gases efecto invernadoiro (GEI)
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou hoxe a boa acollida das axudas aos concellos galegos para a financiar a adquisición dos vehículos eléctricos ou híbridos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco, as que a Xunta ten destinado máis de 1 millón de euros.

Natalia Prieto indicou que o pasado 15 de xullo o goberno galego aprobou as novas axudas dirixidas aos concellos para a adquisición de vehículos eléctricos ou híbridos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco mediante o sistema de renting, con destino aos copos de policia local co fin de atender á demanda dos concellos para renovar as súas flotas con vehículos sustentables

As axudas van destinadas a subvencionar as cotas mensuais que deba aboar cada concello beneficiario polo renting do vehículo durante un período de 5 anualidades que comprenden o período 2021 a 2025.E financian ata un máximo do 75% do custo total das cotas do renting, cun límite de 33.600 euros de subvención por concello, para un período máximo de 48 meses.

En relación aos beneficiarios, foron un total de 34 os concellos aos que se lles concedeu a subvención para adquisisión de vehículos obtendo unha axuda coa que poderán financiar as cotas mensuais dos rentings contratados por un período máximo de 48 mensualidades.

Neste marco esta liña de axudas contribúe a renovación das flotas de vehículos dos corpos de Policía Local de Galicia, limitando e reducindo o incremento das emisións de gases efecto invernadoiro (GEI).

Segundo explicou a directora xeral, con estas axudas contribuese á renovación do parque de vehículos dos corpos de Policía Local de Galicia, a través de vehículos cunha menor ou nula taxa de emisión de dióxido de carbono, seguese axudando e apoiando aos concellos na prestación dos seus servizos municipais co fin de que a cidadanía teña óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia e contibruese á mudanza cara a un modelo de mobilidade e transporte facilitador de vida en contornos saudables e compatible coa sustentabilidade ambiental.

Como indicou a directora xeral de Administración Local, “desde a Xunta imos seguir traballando para acadar unha Galicia cada vez máis segura coa cesión de material aos concellos galegos, tanto aos Grupos de Emerxencia Municipal como ás agrupacións de Protección e, agora desta volta, tamén ás policías locais”. Desde xeito, subliñou Natalia Prieto, “a Xunta segue a demostrar o seu compromiso nun eido tan importante para a cidadanía como a seguridade dos cidadáns, ademais de fomentar o uso de vehículos non contaminantes”.

Por iso, a Xunta solicita a implicación de todas as administracións no reforzo de equipamento dos nosos efectivos para que conten cos recursos necesarios para velar pola seguridade dos seus veciños. As administracións temos que corresponder á entrega e profesionalidade que os efectivos demostran cada día para velar pola seguridade dos seus veciños coa dotación de mellores medios que lles permitan traballar nas mellores condicións. A cooperación entre administracións é a mellor fórmula para acadar bos resultados en beneficio dos cidadáns, rematou a directora xeral.