O presidente do Goberno galego mantivo hoxe unha reunión de coordinación coa Delegación do Goberno, a empresa armadora e alcaldes dos municipios máis afectados polo sinistro

Feijóo traslada que as familias dos tripulantes do Villa de Pitanxo terán todo o apoio da Xunta e avanza que contarán coa atención dun equipo de psicólogos especializado

Marín (Pontevedra), 16 de febreiro de 2022.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe que as familias dos tripulantes do Villa de Pitanxo terán todo o apoio da Xunta e avanza que contarán coa atención dun equipo de psicólogos especializado

Logo de incidir na necesidade de dar “datos seguros e certeiros” porque “non podemos cometer erros”, Feijóo explicou que as familias serán atendidas polos profesionais do servizo de psicoloxía ante emerxencias e catástrofes na Comunidade Autónoma, que, engadiu, poderán ser reforzados por Cruz Vermella. Este protocolo é semellante ao que se utilizou tras o accidente do Alvia en Santiago de Compostela, lembrou.
Durante unha reunión celebrada hoxe en Marín, acordouse a creación dunha comisión de coordinación da que forman parte representantes da Xunta de Galicia, da Delegación do Goberno, da armadora do pesqueiro Villa de Pitanxo e un equipo de psicólogos co obxectivo de canalizar a información dispoñible en relación ao sinistro. Dentro desta comisión corresponderá ao equipo de psicólogos atender e notificar a información oficial ás familias dos tripulantes.

Para concluír o presidente da Xunta salientou o traballo “serio e coordinado” que está levando a cabo o embaixador de España en Canadá coas autoridades do país canadiano, así como a axuda que están a prestar os barcos pesqueiros e mercantes nas tarefas de rescate. Tamén agradeceu as múltiples mensaxes de solidariedade recibidas desde que se coñeceu a noticia do accidente.

Imaxes relacionadas