A Xunta leva investidos máis de 1M€ en melloras ambientais e en infraestruturas no Concello de Arbo

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, comprobou as actuacións levadas a cabo no lugar do Couto coa pavimentación dun camiño e a mellora da seguridade viaria

Coa Orde de Infraestruturas de uso público, o Goberno galego destinou máis de 40M€ nos últimos anos á financiametno de 1.300 proxectos de concellos galegos de menos de 30.000 habitantes

Arbo (Pontevedra), 15 de febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto e do delegado territorial en Pontevedra, Luís López, visitou hoxe o Concello de Arbo, xunto ao alcalde, Horacio Gil, onde o Goberno galego investiu máis de 1 millón de euros nos últimos anos para a posta en marcha de proxectos cos que mellorar os servizos públicos prestados aos cidadáns.
En concreto, Alfonso Rueda comprobou as melloras levadas a cabo nun camiño do lugar do Couto, na parroquia de Arbo, que foi pavimentado e no que se fixeron obras para mellorar a seguridade viaria cunha achega da Xunta de 35.000 euros. A actuación encádrase nas inversións que o Goberno galego destinou nos últimos anos ao Concello de Arbo dentro das liñas habilitadas para axudar ás Administracións locais de menos de 30.000 habitantes a mellorar os servizos públicos.
Alfonso Rueda recordou que as obras de Arbo están financiadas no marco da Orde de Infraestruturas de uso público, “nas que levamos investidos máis de 40 millóns de euros para financiar máis de 1.300 proxectos destinados á prestación de servizos municipais”.
A Xunta publicou o mes pasado unha nova convocatoria da devandita orde por valor de 3,5 millóns de euros coa que se pretende sacar adiante iniciativas como as que o ano pasado se desenvolveron a través de 125 propostas chegadas dos concellos galegos. O obxectivo é mellorar as redes de alumeado público, a pavimentación de camiños ou a creación de parques infantís, de dependencias municipais e de instalacións deportivas, entre outras iniciativas.
No obxectivo de colaborar coas Administracións locais para mellorar a calidade de vida dos seus veciños a través da mellora e modernización das súas infraestruturas e dos servizos municipais encádrase tamén o Fondo de Compensación Ambiental e as axudas a asociacións veciñais. En total, a Xunta destinou o ano pasado 17,5 millóns de euros a estas tres liñas coas que, como recordou Alfonso Rueda, “colaboramos cos concellos para a posta en marcha de actuacións que, en moitas ocasións, non poden realizar en solitario”.

Imaxes relacionadas