Fernández-Tapias participa na presentación da 8ª edición de "A Gran Bikedada 2022"

A delegada territorial en Vigo reiterou o compromiso da Xunta para que o ciclismo, un dos deportes de maior tradición e arraigo en Galicia, siga sendo recoñecido pola calidade dos seus deportistas e dos seus eventos

Vigo, 15 de febreiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe na presentación de “A Gran Bikedada 2022”, unha das citas de referencia do gran fondo de bicicleta de montaña a nivel nacional, que o Executivo galego apoia a través do Xacobeo 21-22 e a Secretaria Xeral para o Deporte.
Durante a súa intervención, a representante autonómica destacou o compromiso da Xunta cun dos deportes de maior tradición e arraigo na Comunidade. “Turismo, Deporte e Xacobeo volven darse a man como o fixeron sempre, para que o ciclismo galego siga sendo recoñecido pola calidade dos seus deportivas e dos seus eventos”, sinalou.
Fernández-Tapias puxo o acento no éxito desta nova edición que xa na primeira fase de inscrición rexistrou récord de participación, superando nun 30% o seu rexistro máis alto no 2020.
Tras sinalar que o ciclismo “ten un pasado brillante e un futuro non menos prometedor”, incidiu en que “probas como esta de A Gran Bikedada” son unha mostra do crecente interese por un deporte que hoxe abraza a 8.500 galegos e galegas con licencia federativa. Con 393 clubs ciclistas Galicia é a terceira autonomía en número de entidades, solo por detrás de Andalucía e Cataluña.
Así, indicou que a cita, que terá lugar o vindeiro 20 de febreiro, “é unha das máis esperadas do noroeste peninsular, na súa versión máis dura e exixente, pero tamén unha das máis espectaculares”, desde Vigo ao Eiras, seguindo a estela da senda da auga, atravesando os municipios de Redondela, Pazos, Soutomaior, Fornelos e Ponte Caldelas, para regresar novamente a Vigo.

Imaxes relacionadas