A Xunta abre a orde de axudas a establecementos turísticos tras conceder achegas a 43 locais de Pontevedra e O Salnés por 720.000€ o pasado ano

O delegado territorial, Luis López, informou da nova convocatoria nunha visita, xunto ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, ao hotel A Maquía, beneficiario destas axudas o pasado exercicio para a mellora do sistema eléctrico, un valado circundado e a adquisición de pérgolas

Os establecementos interesados poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 7 de marzo e optarán a subvencións de ata 50.000€, enmarcadas no Plan Camiña de apoio ás empresas do sector turístico, para obras de modernización ou para certificados de calidade, accesibilidade, embelecemento, equipamentos, aforro enerxético ou dixitalización

“A Xunta inxectou máis de 100 millóns de euros aos establecementos turísticos cos Plans de Rescate para paliar as necesarias restricións da pandemia, pero agora que parece que queda atrás seguimos colaborando co sector para impulsar a súa modernización con esta nova orde, dotada con dous millóns de euros”, explicou o representante autonómico
 

Poio, 14 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, acaba de abrir unha nova orde de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas de aloxamento e restauración tras conceder achegas a 43 establecementos das bisbarras de Pontevedra e O Salnés por 719.273 euros na anterior convocatoria correspondente co ano 2021.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá desta liña de axudas, acompañado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, nunha visita ao hotel A Maquía, emprazado na parroquia de Samieira, que foi beneficiario deste programa o pasado exercicio cunha contía de máis de 7.000 euros para a mellora do sistema eléctrico, a instalación dun valado circundado e a adquisición de pérgolas para a habilitación de distintas zonas do establecemento.
“A Xunta inxectou máis de 100 millóns de euros aos locais turísticos cos Plans de Rescate para tratar de paliar as necesarias restricións da pandemia, pero agora que parece que vai quedando atrás, dende o Goberno galego seguimos colaborando co sector, como sempre fixemos, para impulsar a súa modernización co obxectivo de dispoñer dunha oferta turística da máxima calidade e competitiva”, explicou o representante autonómico, que concretou que o orzamento desta liña ascende a 2 millóns de euros.
Esta nova orde está orientada a establecementos turísticos de aloxamento e restauración e ten aberto o seu prazo de solicitude, que terá que presentarse a través da sede electrónica da Xunta, ata o vindeiro 7 de marzo.
Os locais interesados, que optarán a unha achega máxima de 50.000 euros, poderán subvencionar actuacións de renovación ou modernización das súas instalacións, actuacións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, obras para a obtención da certificación da Q de calidade ou o incremento de categoría, embelecemento da contorna, adquisición de equipamentos, aforro enerxético, climatización, dixitalización ou melloras de seguridade e saúde.
“O pasado ano aprobáronse 168 solicitudes en toda Galicia, das que máis de 40 foron de Pontevedra e O Salnés, o que demostra o gran peso turístico da nosa zona, polo que quero animar novamente aos nosos establecementos a que aproveiten esta oportunidade da Xunta para seguir incrementando o gran nivel das súas instalacións e manter, entre todos, a Galicia como destino de moda entre os galegos e os turistas que nos visitan”, concluiu o delegado territorial.
 

Imaxes relacionadas