A Xunta adxudica por case 855.000 euros a obra de ampliación do aparcadoiro do Hospital Teresa Herrera da Coruña e do Hospital Naval de Ferrol

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asinará o contrato nos vindeiros días e a execución das obras coordinarase coas respectivas xerencias das áreas sanitarias para minimizar as interferencias coa actividade asistencial

No Teresa Herrera incrementarase o espazo de aparcadoiro, poñendo á disposición dos usuarios 31 prazas ordenadas, e habilitarase unha vía perimetral que favorecerá a circulación en anel bordeando o aparcadoiro

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022

A Xunta adxudicou por 854.245 € a obra de ampliación do aparcadoiro do Hospital Teresa Herrera (Materno-Infantil) da Coruña e do Hospital Naval de Ferrol.

As actuacións, adxudicadas á empresa Petrolam Infraestructuras S.L., terán un prazo de execución de 6 meses.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé asinar o contrato nos vindeiros días, e a execución das obras irase coordinando coas respectivas xerencias das áreas sanitarias para minimizar as interferencias coa actividade asistencial.

O obxectivo destas novas actuacións da Xunta é ofrecer máis servizos a todas as persoas que se desprazan aos hospitais, favorecendo a mobilidade en toda a contorna ao facilitar o estacionamento.

Incremento do espazo, con 31 prazas de aparcadoiro ordenadas no Teresa Herrera

A intervención adxudicada polo departamento de Infraestruturas da Xunta no centro hospitalario Teresa Herrera da Coruña permitirá o acondicionamento dunha zona situada na súa parte traseira, onde se atopan antigos depósitos e balsas de augas residuais.

Os traballos proxectados, unha vez preparada a superficie, centraranse en habilitar dous espazos para aparcadoiros, con 15 e 16 prazas, respectivamente. Na actualidade, un destes espazos, aínda que sen urbanizar, xa se usa para o estacionamento. No outro habilitaranse novas prazas á disposición do hospital. Estas 31 prazas viranse sumar ás 53 habilitadas nunha actuación anterior.

Adicionalmente, habilitarase un viario perimetral, que permitirá realizar unha circulación en anel bordeando os novos aparcadoiros, conectando co camiño de Xubias de Abaixo, que se ampliará na zona máis próxima á actuación.

Paralelamente, modificarase un dos actuais accesos ao hospital Teresa Herrera para mellorar a ordenación do tráfico, dotándoo dunha configuración tipo rotonda.

Un total de 266 novas prazas de aparcadoiro no Hospital Naval de Ferrol

No caso do Hospital Naval de Ferrol as actuacións obxecto deste contrato permitirán dotalo de 266 novas prazas de aparcadoiro, duplicando o número de prazas existentes, para o que se habilitará un novo aparcadoiro na zona norte, contiguo ao actual; outro na zona sur; e tamén novas prazas na marxe esquerda do viario perimetral. Do total de prazas, 8 serán para persoas con mobilidade reducida.

Ademais, executarase un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias, para facilitar os seus movementos, xa que o percorrido circulatorio interno dos vehículos no recinto causa interferencias que prexudican a axilidade requirida para este servizo.

As novas intervencións da Xunta no Hospital Teresa Herrera da Coruña e no Hospital Naval de Ferrol danlle continuidade ás actuacións de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levadas a cabo no 2020, e realizadas no marco dun contrato maior, de mellora dos accesos dos hospitais públicos da provincia da Coruña, que supuxo un investimento da Xunta de 1 millón de euros e que incluíron tamén actuacións nos centros do Barbanza, de Cee e de Santiago de Compostela.