A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá Lobios, en pleno corazón do parque natural ourensán, para dar a coñecer a campaña ‘7 días, 7 parques’

A Xunta destinará 600.000 € á rehabilitación enerxética do Centro de Interpretación do Xurés

Ángeles Vázquez subliña que tras a recente aprobación do PRUX do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, o seu departamento quere darlle un pulo definitivo a este ámbito, cun investimento estimado de máis de 15 M€ durante a vindeira década

Entre as actuacións directas previstas polo Goberno galego neste espazo figura habilitar un sendeiro de 2,85 km, adaptado para persoas con diversidade funcional
 

Lobios (Ourense), 14 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia destinará algo máis de 600.000 euros a acometer unha completa actuación de rehabilitación enerxética no Centro de Interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Así o anunciou hoxe en Lobios a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que os traballos, financiados con fondos europeos de recuperación, consistirán na mellora da envolvente térmica do inmoble para optimizar a súa eficiencia.

No marco dunha visita ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés para dar a coñecer a campaña da Xunta 7 días, 7 parques para o fomento do turismo de natureza, a responsable autonómica referiuse á riqueza e o interese que albergan desde o punto de vista paisaxístico e da biodiversidade este tipo de espazos.

Neste sentido, subliñou que os seis parques naturais e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia se estenden por 58.000 hectáreas e ofrecen aos visitantes un total de 62 rutas que abranguen máis de 400 quilómetros adaptados para percorrelos a pé ou en bicicleta. Unhas “xoias naturais”, tal e como dixo a conselleira, que cada ano atraen a miles de persoas e serven de reclamo turístico para a Comunidade.

Tras lembrar que o obxectivo da nova campaña —presentada en xaneiro en FITUR— pasa por poñer en valor o potencial destes espazos naturais, Ángeles Vázquez explicou que as 20 primeiras persoas que visiten antes do 30 de setembro os seis parques naturais e o Parque Nacional serán recompensadas cunha fin de semana para dúas persoas nun dos establecementos hostaleiros da Rede de Turismo de Galicia dentro da área de influencia destes espazos.

Para participar e completar o reto, tan só hai que achegarse ata algún dos centros de visitantes e de interpretación dos sete parques e solicitar un pasaporte. A partir dese momento, o persoal de cada un dos centros encargarase de selar a casiña correspondente para acreditar a visita, tal e como fixo esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, tras percorrer a pé un tramo da ruta do río Vilameá, acompañada pola alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Unha vez completado o pasaporte, bastará con escanealo e envialo por correo electrónico, xunto cos datos persoais do visitante, co fin de que a Consellería de Medio Ambiente certifique o documento e se poña en contacto cos premiados.

Actuacións directas e investimentos no Xurés

Despois de lembrar que hai dúas semanas a Xunta aprobou o Plan reitor de uso e xestión do Xurés, a conselleira aproveitou a súa presenza na zona para subliñar o compromiso do seu departamento co parque natural máis extenso de Galicia, cunha superficie de 29.379,4 hectáreas que abrangue seis concellos ourensáns —Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños— e unha poboación de algo máis de 7.200 habitantes.

Ao respecto, Ángeles Vázquez lembrou que co fin de darlle un pulo definitivo e poñer en valor esta zona, a Xunta prevé investimentos por máis de 15 millóns de euros durante a vindeira década, unha contía na que se inclúen os fondos destinados a financiar as distintas liñas de actuación incluídas no PRUX, as axudas para accións de conservación e posta en valor do parque e para outras iniciativas relacionadas coa súa condición de reserva de biosfera, ou proxectos como a xa referida rehabilitación do centro de Interpretación.

En concreto e tras subliñar que a Reserva de Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés é unha das tres que xestiona directamente a Xunta, anunciou que entre as actuacións previstas pola Consellería no período 2022-2023 figura habilitar un novo sendeiro de 2,85 km, dividido en dous tramos e que estará adaptado para persoas con diversidade funcional.
 

Imaxes relacionadas