A Xunta adxudica por máis de 380.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade en catro hospitais de Ourense

Crearanse itinerarios peonís máis cómodos e seguros no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, no edificio hospitalario de Piñor, en Barbadás; e nos hospitais públicos de Verín e de Valdeorras

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asinará o contrato nos vindeiros días e coordinará a execución das obras coas xerencias das áreas sanitarias para minimizar as interferencias coa actividade asistencial

Construiranse novas beirarrúas, disporanse pasos peonís elevados e ramplas que faciliten os desprazamentos de persoas en cadeira de rodas, ademais de zonas con pavimento podotáctil para as persoas con dificultades de visión

Reforzarase a visibilidade dos pasos de peóns, reordenando os accesos e servizos e creando espazo para paradas de autobús, ademais de habilitar áreas de aparcadoiro reservado para ambulancias, para vehículos autorizados e para motos

A Xunta segue avanzando nos trámites para iniciar as obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, que foron adxudicadas a finais do pasado mes de xaneiro por preto de 48,3 M€
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022

A Xunta adxudicou por máis de 380.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade en catro hospitais da provincia de Ourense. Trátase, concretamente, do Hospital Universitario de Ourense e doutros 3 hospitais da provincia: do edificio hospitalario de Piñor, en Barbadás; e dos hospitais públicos de Verín e de Valdeorras.
As actuacións, adxudicadas á Construcciones Rafer S.L., contan cun prazo de execución de 6 meses.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé asinar o contrato nos vindeiros días. A execución das obras irase coordinando coas respectivas xerencias das áreas sanitarias para minimizar as interferencias coa actividade asistencial.

O obxectivo destas intervencións é reforzar a seguridade viaria, favorecer a mobilidade peonil e mellorar os firmes do Hospital Universitario de Ourense, pero tamén doutros 3 hospitais da provincia: do edificio hospitalario de Piñor, en Barbadás; e dos hospitais públicos de Verín e de Valdeorras.

Os traballos adxudicados buscan favorecer os desprazamentos a pé, para o que se executarán novas beirarrúas e ampliaranse as actuais, dispoñendo pasos peonís elevados e ramplas que favorezan os desprazamentos de persoas en cadeira de rodas. Tamén na contorna do Complexo hospitalario de Ourense disporase pavimento podotáctil para facilitar a mobilidade das persoas con dificultades de visión.

Ademais, mellorarase a seguridade, reforzando a visibilidade dos pasos de peóns, reordenando os accesos e servizos e creando espazo para paradas de autobús, que permitirán tamén maior fluidez na circulación. Ao tempo, habilitaranse áreas de aparcadoiro reservado para ambulancias, para vehículos autorizados e para motos.
De xeito máis global, os traballos nos 4 centros hospitalarios da provincia irán destinados á mellora da seguridade e accesibilidade a través de itinerarios peonís cómodos e seguros, ademais da rehabilitación do firme nos lugares con maior deterioro e da renovación da sinalización.

Este contrato dá continuidade aos traballos de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levados a cabo con anterioridade no complexo hospitalario da cidade: no ano 2016, de urbanización dos accesos ao lateral este, coa execución de dúas novas vías, cun investimento de máis de 1,3 M€; e a mellora do firme e reordenación do espazo nos accesos principais aos 2 centros deste complexo, executadas en 2019, cun investimento de 47.000 €.

Ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense


Ao tempo, a Xunta segue avanzando nos trámites para iniciar as obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, que foron adxudicas a finais do pasado mes de xaneiro por preto de 48,3 millóns de euros.

O departamento de Infraestruturas e Mobilidade prevé asinar o contrato a finais deste mes para iniciar as obras a continuación.

Estas obras, que estarán cofinanciadas con fondos europeos FEDER, prevén tres intervencións: a construción dun novo edificio de hospitalización no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a reforma do actual Hospital Materno Infantil e a mellora de accesos.