A Xunta convoca para marzo e maio os propietarios dos terreos necesarios para executar unha senda peonil na estrada AC-301 no concello de Rois

O levantamento de actas previas terá lugar o 2 de marzo ás 10.30 horas na Casa do Concello, e a formalización será o 11 de maio á mesma hora e no mesmo lugar

A intervención, que suporá un investimento de 725.000 €, foi licitada o pasado mes de xaneiro, recibindo a Xunta as ofertas de 14 empresas para a execución das obras

O novo itinerario partirá da contorna do polígono, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da estrada AC-301

As obras incluirán unha mellora puntual do trazado da vía e a reconstrución dunha intersección, mantendo o sistema de semiglorieta

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, a través destas actuacións, favorece os desprazamentos a pé ou en bicicleta dun xeito cómodo e seguro, fomentando unha mobilidade máis sustentable
 

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria, para marzo e maio, dos actos expropiatorios para executar unha senda peonil na estrada autonómica AC-301, no concello de Rois, que suporá un investimento autonómico de 725.000 euros.

As obras foron licitadas o pasado mes de xaneiro, recibindo a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade as ofertas de 14 empresas interesadas na súa execución.

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 2 de marzo ás 10.30 horas na Casa do Concello. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 11 de maio, á mesma hora e no mesmo lugar. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/3BxtAo9 .

Os actos expropiatorios realizarase seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. O local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima e estará dotado con carteis informativos e xeles hidroalcohólicos. Os titulares deben asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

O detalle da intervención

Este itinerario na AC-301 terá unha lonxitude de 820 metros, un ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón en cor.

A senda iniciarase na contorna das naves do polígono industrial, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da estrada AC-301.

No cruce entre estas dúas estradas, materializada mediante unha glorieta situada á altura do punto quilométrico 2+250 da AC-301, a senda discorrerá polo bordo oeste, aproveitando a berma existente no muro do estribo do viaduto da liña ferrocarril de alta velocidade A Coruña–Vigo.

O itinerario irá pola marxe da estrada en todo o percorrido e separado da calzada por un bordo de 10 centímetros sobre o pavimento da plataforma, agás no treito de intersección da estrada AC-301 coa antiga AC-299.

Ademais, na zona do punto quilométrico 2+450 mellorarase o trazado actual do tronco aumentando os radios de curvatura e repoñerase o camiño de servizo. No punto 2+520 reconstruirase a intersección na marxe dereita, mantendo a tipoloxía de semiglorieta.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.