A Xunta e a orquestra Panorama presentan un videoclip para promover o Camiño de Santiago

A coñecida orquestra adaptou o tema ‘Torres de Compostela’, composto para o Xacobeo 99, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na presentación do vídeo
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do videoclip do tema Torres de Compostela, adaptado e interpretado pola famosa orquestra Panorama ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo. A canción, composta precisamente para publicitar o Xacobeo 99, pretende ser un documento promocional de Galicia e do Camiño de Santiago ao tempo que fai unha homenaxe a todos os peregrinos que cada ano chegan ata Compostela atraídos pola grandeza dunha experiencia única.
A presentación comezou cunha visita á praza do Obradoiro onde o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade estivo acompañado de Lito Garrido, director da orquestra; Álvaro Lodeiro, director de Deza Music S.L, e os vocalistas Fátima Pego, Mario Álvarez e Cibrán Insua. Desde alí. A continuación celebrouse un acto no que Valentín García valorou que “unha das orquestras máis importantes deste país de orquestras que é Galicia presente un tema que reúne dous valores fundamentais para o seu público e para toda a sociedade galega: o Camiño de Santiago e a lingua de noso”.

Torres de Compostela

A elección do tema musical non foi casual, pois as torres da Catedral de Santiago teñen un significado especial na experiencia xacobea, xa que representan o destino do Camiño, a guía de milleiros de peregrinos que, cando chegan ao Monte do Gozo, teñen o seu primeiro contacto visual coas torres da Catedral, o destino da súa peregrinación.

Ao longo do Camiño os peregrinos descobren os numerosos tesouros da nosa terra. Así, contemplan paisaxes sen igual, contrastes entre interior e costa, montes e vales, ríos e fontes. Tesouros propios do noso patrimonio dos que a orquestra Panorama quixo deixar constancia neste vídeo promocional gravado en lugares como a praza do Obradoiro, o Monte do Gozo, o Pazo da Toxeiriña ou O Grove. O vídeoclip está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na canle de YouTube da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
 

Imaxes relacionadas