A Xunta manifesta a súa "profunda preocupación" ante a reforma do pavillón de Sangriña que podería poñer en risco a continuidade do Guardés

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, informa que convocará “de xeito inmediato” ao Concello da Guarda para buscar “unha saída a unha situación inadmisible”

Vigo, 11 de febreiro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha xuntanza de urxencia na mañá de hoxe coa xunta directiva da Federación Galega de Balonmán, representada no presidente Bruno López, e cos representantes do Club Balonmán Atlético Guardés, na figura de José Manuel Silva, para tratar as cuestións sobre a reforma do pavillón da Sangriña.

O proxecto municipal para a reforma do devandito pavillón, “máis alá de non ser o óptimo deseño que precisa o Guardés xa que seguiría sen poder acceder á fase de grupos da Liga Europea”, dixo o secretario, “pon en risco a continuidade do equipo xa que supón un custo inasumible e a falta de alternativa doutro escenario no que xogar os seus partidos”.

Lete Lasa expresou a súa “profunda preocupación” ante o “futuro incerto” dun equipo feminino que “leva anos facendo historia non só en España, conquistando a Liga en 2017, senón tamén en Europa durante oito anos consecutivos”. Neste sentido, o mandatario galego informou que convocará “de xeito inmediato” ao Concello da Guarda para buscar “unha saída a unha situación inadmisible”.

O secretario xeral lembrou que “un club tan grande como o Guardés, precisa un pavillón axeitado á súa magnitude”, pero que non o pode facer a calquera custo. “A Xunta sempre ofrecerá o seu total apoio e a súa absoluta disposición para colaborar cos equipos senlleiros de Galicia, como é o caso do Guardés” sentenciou.

Imaxes relacionadas