A Xunta apoiará con 1 M€ a mellora das infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes no marco do Plan Camiña

O Goberno galego pretende fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos dos municipios galegos co obxectivo de consolidar a oferta turística nas zonas rurais

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu á inauguración do miradoiro de Alto do Coto en Serra de Penas en Bóveda financiado ao abeiro destas axudas na convocatoria do ano pasado, coa que se levaron a cabo 122 proxectos

Tamén visitou melloras no concello do Portomarín, onde se habilitou un novo estacionamento para vehículos ou unha estación de repouso e de reparación de bicicletas para turistas e peregrinos do Camiño Francés

A orde de axudas forma parte do Plan Camiña, que inclúe medidas de apoio ás empresas do sector turístico galego, ás entidades locais e ao turismo familiar, ás universidades e ás entidades sen ánimo de lucro

Portomarín/Bóveda (Lugo), 11 de febreiro de 2022

A Xunta destinará 1 millón de euros a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas no marco do Plan Camiña a través da orde que se prevé publicar a próxima semana. Desta forma, o Goberno galego apoia aos municipios rurais a poñer en valor os seus recursos e consolidar a súa oferta turística co obxectivo de atraer visitantes. Así o anunciou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante a inauguración do miradoiro de Alto do Coto en Serra de Penas en Bóveda, unha das 122 actuacións financiadas o ano pasado polo Goberno galego ao abeiro destas subvencións.
Con esta orde preténdese fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística. Trátase de actuacións coas garantir a protección dos bens declarados de interese cultural (BIC) ou coas que fomentar o embelecemento dos accesos aos recursos turísticos como a mellora da iluminación ornamental, a creación ou acondicionamento de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou rutas e a adecuación dos espazos para o estacionamento de vehículos.
De feito, ademais da inauguración do novo miradoiro en Bóveda, que recibiu unha axuda de 30.000 euros, o vicepresidente primeiro tamén visitou melloras no concello de Portomarín, onde se financiou con case a mesma contía un estacionamento para vehículos co que dar resposta á afluencia de visitantes.
Co obxectivo de mellorar os seus recursos turísticos, a Xunta tamén apoiou ao municipio de Portomarín na posta en marcha dunha estación de lavado de bicicletas e un autoservizo para mantemento e reparación que poden empregar tanto os peregrinos que realizan o Camiño Francés en bicicleta como os afeccionados ao cicloturismo. Tamén se instalou un cargador solar ecolóxico para os seus dispositivos electrónicos e se mellorou a iluminación ornamental no concello.
Alfonso Rueda destacou que a Xunta continuará a apoiar a reactivación do turismo galego co Plan Camiña e aproveitando a oportunidade deste Ano Santo Dobre. Así, o Goberno galego habilitará con este plan distintas medidas dirixidas ás entidades locais como a orde de axudas de mellora das infraestruturas turísticas nos concellos de ata 10.000 habitantes e ás empresas turísticas para que melloren os seus establecementos e incrementen a súa calidade e a formación do seu persoal como a orde dotada de 2 millóns de euros e publicada o pasado luns. O Plan Camiña tamén inclúe medidas coas que fomentar o turismo familiar e destinadas ás universidades galegas e ás entidades sen ánimo de lucro.
O Goberno galego busca consolidar así a mensaxe de Galicia como destino seguro que permitiu o ano pasado a comunidade liderase a recuperación turística 22 puntos por riba da media nacional con 4,2 millóns de viaxeiros e case 9 millóns de noites.
Grazas ao apoio ao sector e medidas como o seguro coronavirus ou campañas de promoción como Camiña a Galicia, Galicia estivo de moda neste Xacobeo 21-22 superando tódalas expectativas tamén na chegada de peregrinos con case 180.000 Compostelas fronte ás 140.000 previstas.