A Xunta apela ao uso responsable do teléfono de emerxencias no Día Europeo do 112

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, recibiron hoxe a un grupo de organizacións empresariais para amosarlles o funcionamento do Centro Integrado de Emerxencias (CIAE) 112 Galicia

O Goberno galego súmase á acción divulgativa e de sensibilización sobre os beneficios deste servizo no Día Europeo do 112, que se celebra hoxe

A Estrada (Pontevedra), 11 de febreiro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, recibiron hoxe a representantes de organizacións empresariais para amosarlles as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.
A visita produciuse hoxe con motivo da conmemoración do Día Europeo do 112, e que está considerado un número único para a atención de incidencias relacionadas con emerxencias, sendo un dos números telefónicos referente a nivel internacional para atención a cidadanía neste ámbito.
Santiago Villanueva incidiu na necesidade de fomentar a concienciación da cidadanía para que fagan un uso responsable do número único de atención ás chamadas de emerxencia 112. Deste xeito, o Goberno galego sumase á acción divulgativa e de sensibilización no Día Europeo do 112 sobre os beneficios deste servizo, que inclúe a apertura dos centros de emerxencias á cidadanía para dar a coñecer o seu funcionamento.
Neste caso, resaltou que as empresas poden converterse en peza fundamental na resposta ante unha situación de emerxencia coa mobilización de recursos materiais e humanos, así como nas actuacións necesarias para restablecer a normalidade. Os asistentes á visita tiveron a oportunidade de coñecer como se xestiona unha chamada de emerxencia e como se activan os protocolos de resposta ademais de presentarlles as ultimas melloras tecnolóxicas impremeditadas no 112 de Galicia relacionadas coa xeolocalización GPS das chamadas dende telefonía móbil ( AML) ou o funcionamento do sistema de chamada automática desde vehículos accidentados Ecall.
O 112 foi lanzado no ano 1991 co obxectivo de proporcionar un número de emerxencia común, gratuíto e dispoñible as 24 horas do día os 365 días do ano en todo o territorio da Unión Europea. En Galicia, o CIAE-112 Galicia atende e xestiona as chamadas de emerxencia da nosa comunidade e activa os medios e recursos que interveñen na resolución das emerxencias para o que conta con procedementos, plans e guías de actuación, adaptadas e actualizadas, para cada tipo de emerxencia.

Imaxes relacionadas