A Xunta avanza na coordinación da colaboración coa Asociación Provincial de Protección Civil da Coruña

O Goberno galego leva investidos máis de 15 M€ nas 234 agrupacións da comunidade, entre os 11 M€ para reforzar o seu equipamento e os máis de 4 M€ para colaborar nos seus gastos de funcionamento

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuniuse hoxe con representantes da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña para coordinar a colaboración entre Xunta e as organizacións do colectivo en intervencións neste Xacobeo como grandes eventos, así como coñecer de primeira man o traballo dos voluntarios da provincia e as súas principais demandas.
Santiago Villanueva destacou o traballo altruísta destas agrupacións para reforzar os servizos de emerxencias da comunidade e lembrou o apoio do Goberno galego con máis de 15 millóns destinados a estas agrupacións. Por unha parte, para o seu funcionamento a través das axudas ás que na última convocatoria se destinou 340.000 euros ás 234 agrupacións da comunidade, 74 delas na provincia da Coruña e que nos últimos anos supuxo un investimento de máis de 4 millóns de euros.
Esta convocatoria complétase co apoio prestado para a mellora do equipamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia con máis de 11 millóns investidos nos últimos anos ou na formación dos seus voluntarios. A Xunta destinou á convocatoria do ano pasado máis de 1 millón de euros para equipar a estas agrupacións con 19 vehículos todocamiño tipo pick-up, 6 remolques para a atención das emerxencias, 26 tendas de campaña, 8 coitelas para a retirada de neve e oito esparexedores de sal.

Imaxes relacionadas