A directora de Augas de Galicia presidiu esta mañá a 1ª reunión da Oficina Técnica da Seca tras a declaración da prealerta en 12 dos 19 sistemas da demarcación, para coordinar a información e a adopción de medidas con Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural

A Oficina Técnica da Seca da Xunta realizará un seguimento quincenal da situación hidrolóxica en Galicia-Costa, con especial atención aos caudais dos ríos e confirma que o abastecemento está garantido

Constátase a normalidade das reservas de auga nos encoros e a inexistencia de incidencias relacionadas co abastecemento, apuntando a importancia na evolución da meteoroloxía da primavera

As chuvias previstas para o día de hoxe e, especialmente, para o vindeiro domingo no sur da provincia da Coruña e na de Pontevedra, poden mellorar a situación, se ben as previsións para o resto do mes apuntan precipitacións escasas

A Xunta comunicou xa a declaración do estado de prealerta aos 142 municipios dos 12 sistemas de abastecemento afectado, así como a necesidade de fomentar a eficiencia e a responsabilidade no consumo
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A Oficina Técnica da Seca da Xunta realizará un seguimento quincenal da situación hidrolóxica na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, analizando de forma continua os valores de referencia e prestando unha especial atención aos niveis de caudal circulante nos ríos e mananciais, determinantes para a declaración do estado de prealerta.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe a primeira xuntanza da Oficina Técnica da Seca tras a activación o pasado luns do estado de prealerta en 12 dos 19 sistemas de abastecemento da demarcación. Ese foro integra os servizos territoriais e de planificación de Augas de Galicia, Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, co fin de coordinar a información sobre a situación do abastecemento e a adopción de medidas.

Neste encontro analizouse polo miúdo a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, confirmándose que os principais indicadores que mostran un comportamento anómalo son os relativos ao caudal circulante dos ríos, dada a carestía de precipitacións nos últimos meses.

En concreto, están en estado de prealerta por seca os sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita); río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos. Os sete sistemas restantes atópanse en situación de normalidade.

Na xuntanza referendouse a declaración do estado de prealerta como medida preventiva e constatouse a normalidade das reservas de auga nos encoros, o que garante o abastecemento de auga á poboación. Así mesmo, todos os representantes confirmaron que non existen incidencias notificadas en relación co abastecemento.

As chuvias previstas para o día de hoxe e, especialmente, para o vindeiro domingo no sur da provincia da Coruña e na provincia de Pontevedra, poden mellorar a situación en parte do territorio en situación de prealerta, se ben as previsións para o resto do mes de febreiro apuntan cara a precipitacións escasas. Neste sentido, a Oficina Técnica da Seca apuntou a meteoroloxía na primavera como clave na evolución da situación.

Finalmente, nesta primeira reunión informouse da realización, por parte de Augas de Galicia, da correspondente comunicación aos 142 municipios dos 12 sistemas de abastecemento da demarcación afectados pola declaración do estado de prealerta; así como da previsión de intensificar as campañas de sensibilización e consumo responsable da auga, dirixidas ás administración competentes e á cidadanía en xeral.
 

Imaxes relacionadas