Trenor anima aos alcaldes da comarca de Santiago a solicitar as axudas de máis de 8 millóns de euros para a mellora dos parques empresariais

O representante do Goberno autonómico destacou que o Concello de Melide contou cunha axuda de máis de 70.000 euros para levar a cabo a reposición dos viais do parque empresarial da Madanela

A Xunta abriu o prazo de solicitude para acceder ás axudas destinadas a modernizar as infraestruturas, que incorporan como novidade a posibilidade de instalar servizos de subministración de gas e hidróxeno; a implantar viveiros industriais e a liña para reforzar as redes de distribución eléctrica

Melide (A Coruña), 10 de febreiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá o resultado das obras de reposición dos viais no polígono industrial de Madanela, realizadas ao abeiro da orde de mellora de parques empresariais do ano pasado.

As obras consistiron na renovación das calzadas máis deterioradas previa escarificado da existente, e nas catro rotondas sitas na finalización de tramos ampliouse tres metros a zona de calzada co fin de mellorar a manobra do xiro na rotonda, destas catro rotondas, dúas delas se repoñen na súa totalidade
Trenor lembrou que estes apoios xa permitiron impulsar máis de sete proxectos na comarca Santiago durante a convocatoria do ano pasado cunhas axudas de máis de 786.000 que mobilizaron case un millón de euros e concretamente realizáronse obras nos polígonos dos municipios de Santiago de Compostela, Negreira, Tordoia, Boqueixón, Melide, Ordes e Oroso.

Durante a visita o delegado da Xunta informou que, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, están nestes momentos convocadas axudas por un total de 8,35 millóns de euros para as tres ordes deste ano 2022 destinadas á mellora dos parques empresariais galegos, co obxectivo de renovar e modernizar estas infraestruturas, favorecer a creación de novas compañías e empregos, así como impulsar a competitividade do tecido empresarial galego.

En concreto, resérvanse 3,25 millóns de euros para a modernización de infraestruturas: instalación de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias, sistemas de seguridade e vixilancia, instalacións de loita contra incendios, sistemas contra roubo de cable e, como novidade, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno. Poderán acceder a estas axudas os concellos galegos, que recibirán un máximo de 120.000 euros por proxecto, cantidade que ascende aos 138.000 no caso de presentar unha solicitude conxunta. O prazo para presentar solicitudes remata o 28 de febreiro.

Por outra parte, destínanse 1,5M€ a impulsar actuacións para a construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais para crear un viveiro industrial de empresas. Os apoios están dirixidos aos concellos, que deben ser titulares das naves. A axuda máxima será de 240.000 euros por solicitude. O prazo para pedir as axudas remata o 28 de febreiro.

Por último, a Xunta activará unha orde de axudas para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que dá servizo ao parque empresarial. Os beneficiarios tamén serán os concellos, que poderán recibir un máximo dun millón de euros. En total resérvanse 3.600.737 euros. O prazo estará aberto ata o 26 de maio.

Estes tres apoios, de concorrencia competitiva, terán unha intensidade do 80% e contemplan anticipos de ata o 25% da axuda concedida, agás para a liña de redes que será do 50%. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do municipio e se é Concello Emprendedor.

Trenor destacou que “estas liñas contribúen a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia”. Ademais estes plans encaixan nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.

Imaxes relacionadas