A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre a folla de ruta do plan de protección do patrimonio marítimo con horizonte 2030

Galicia avanza no deseño do Plan da Cultura Marítima para protexer o seu patrimonio e anima á cidadanía a participar para facelo o máis completo posible

O proxecto, impulsado pola Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación, atópase agora na súa primeira fase referida á investigación, polo que nas próximas semanas poñeranse en marcha mesas participativas por diferentes puntos da costa para identificar e redactar as liñas de actuación por eixos estratéxicos

Rosa Quintana lembra que o obxectivo principal desta iniciativa, que conta cunha achega de máis de 192.000 euros por parte do Goberno galego, é mellorar a conservación de construcións, obxectos e creacións inmateriais, o seu coñecemento e aumentar a autoestima do sector

As persoas interesadas en colaborar nesta estratexia poden aportar a súa opinión, bagaxe ou experiencia a través da páxina web do plan
 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento as accións levadas a cabo pola Xunta de Galicia para poñer en marcha o Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030, un traballo ambicioso que permitirá definir os compromisos, as liñas políticas e as iniciativas a adoptar para protexer e promocionar o patrimonio marítimo da comunidade, polo que animou ao conxunto da cidadanía a participar para acadar unha estratexia o máis completa posible.
A conselleira lembrou que esta iniciativa é froito do convenio de colaboración asinado o pasado mes de xullo polo Goberno galego coa Universidade da Coruña (UDC) e a súa fundación (FUAC), co obxectivo de redactar un documento base do plan no que se recollerán as liñas estratéxicas, iniciativas e accións a desenvolver no período 2021-2023 así como os pasos a seguir nos seguintes anos.
Rosa Quintana destacou que actualmente xa se encontra activa a primeira das seis fases que comprenderán o proxecto. Nesta etapa inicial levarase a cabo unha investigación para acadar un diagnóstico concreto da cultura e o mar, así como crear os grupos de expertos e os de traballo para identificar e redactar as liñas de actuación por eixos estratéxicos. Así, nas vindeiras semanas iniciaranse mesas participativas por diferentes puntos da costa.

As partes restantes do plan consistirán na elaboración dun documento marco preliminar e lanzamento do plan, seguimento e realización de accións, coordinación dos efectos das accións e das necesidades e actualización e reflexión pois, tal e como reiterou a titular de Mar, trátase dun “documento vivo” que se poderá ir adaptando ás circunstancias e aos cambios que se produzan.
A Consellería do Mar destina a esta colaboración máis de 192.000 euros para cubrir os custos do desenvolvemento das accións que abarca o convenio, das persoas investigadoras e de apoio e os gastos correntes de desprazamentos e material funxible, entre outros.
“O obxectivo principal pasa por mellorar a conservación de construcións, obxectos e creacións inmateriais, o seu coñecemento e aumentar a autoestima dun sector e das persoas que desenvolven actividades arredor do mar, porque eles son parte da nosa historia e do noso ser como pobo”, destacou Rosa Quintana.

Achegas cidadás

A titular de Mar explicou que entre as accións que xa se levaron a cabo no marco desta acción atópase unha páxina web (https://www.udc.es/planculturamaritima) que foi presentada o pasado decembro na Aula Náutica da Universidade da Coruña e que conta cun apartado no que calquera persoa pode aportar a súa opinión, bagaxe ou experiencia e axudar a preservar mellor o patrimonio e a cultura marítima que ten máis próximos. De feito, a conselleira animou aos expertos do sector marítimo-pesqueiro, as xentes do mar e as principais asociacións da cultura marítima, así como calquera axente da sociedade, a facer as súas achegas para ter un plan o máis completo posible.
 

Imaxes relacionadas