A conselleira do Mar visitou en Ribeira as empresas Frigoríficos del Palangre e A Poutada

Galicia concedeu nos últimos cinco anos máis de 72 millóns de euros para a mellora das instalacións das pemes de transformación de produtos do mar

O Executivo autonómico subvenciona ata o 50% dos investimentos que realicen estas empresas e na convocatoria de 2022 deste tipo de axudas puxo a disposición deste sector 19 millóns de euros

O obxectivo destas axudas é apoiar proxectos que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene e as condicións de traballo, entre outros aspectos
 

Ribeira (A Coruña), 9 de febreiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe en Ribeira as instalacións de Frigoríficos del Palangre, unha empresa dedicada ao comercio ao por maior de produtos do mar que se beneficiou das axudas que a Xunta dirixe á mellora das instalacións das pemes de transformación de peixes e mariscos. A través destes apoios, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, o Executivo galego concedeu no período 2016-2021 máis de 72 millóns de euros en axudas co obxectivo de impulsar a actividade e a competitividade deste sector.
Con estas achegas, lembrou a titular de Mar, o Goberno galego subvenciona ata o 50% dos investimentos que realicen estas empresas e sinalou que na convocatoria deste ano puxo a disposición deste sector 19 millóns de euros.
Son obxecto destas achegas, engadiu, as actuacións que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poida destinar ao consumo humano. Tamén poden optar a estas subvencións os proxectos relacionados coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros.
Un exemplo claro do que se pode realizar con estes apoios, subliñou Rosa Quintana, represéntao a empresa Frigoríficos del Palangre, á que a Xunta lle concedeu unha achega de máis de 1,3 millóns de euros no marco da convocatoria do ano pasado para o acondicionamento dunha nave destinada a mellorar a liña de conxelación de especies pesqueiras peláxicas.
Trátase dunha achega plurianual a distribuír nas anualidades 2021 e 2022 e que está dirixida a acondicionar unha nave anexa á existente para desenvolver un novo sistema de xestión, organización e produción máis rendible e eficiente e que favoreza a calidade do produto final e reduza o consumo enerxético. Estas melloras incluirán tamén unha única liña automatizada de conxelado rápido individual para 10.000 quilos/hora con postos de pesada e etiquetaxe, o que mellorará o control da trazabilidade. A maiores habilitaranse novos estantes para as cámaras de conxelado co fin de optimizar ao máximo o espazo interior e promover unha maior eficiencia enerxética.

Outros apoios

A representante da Xunta lembrou que, ademais destas achegas, as empresas de transformación de produtos do mar recibiron preto de 6,2 millóns de euros para compensar a caída de ingresos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da alerta sanitaria pola covid-19. Esta cifra correspóndese coa aprobación de 24 axudas e este tipo de apoios extraordinarios forman parte do plan Avantemar deseñado pola Xunta para impulsar o sector marítimo-pesqueiro trala pandemia.
Neste caso as achegas adiáronse ata 2021 para agardar a coñecer con exactitude o impacto da crise nas contas do exercicio 2020 e pretenden contribuír a que as empresas do sector poidan facer investimentos, recuperen actividade e volvan aos niveis previos á alerta sanitaria, o que redundará en beneficio do conxunto da economía de Galicia.
A titular de Mar tamén visitou a empresa a Poutada, situada a carón de Frigoríficos del Palangre sobre un local de 1.000 m2 de superficie e dedicada ao subministro de efectos navais como anzois para as frotas pesqueiras de distintos países.

Imaxes relacionadas