O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe a unha interpelación no Pleno do Parlamento

A Xunta agarda que o Goberno apoie con fondos europeos o proxecto para construír en Galicia unha fábrica de fibras téxtiles

Conde subliña que a decisión que adopte a empresa sobre o emprazamento da factoría dependerá de criterios medioambientais e da dispoñibilidade daqueles recursos que condicionen a súa viabilidade,

Asegura que a Xunta avoga por que a planta se instale na provincia de Lugo, tal e como se aprobou por unanimidade no Parlamento galego; e, máis concretamente, se a solución técnica garante a viabilidade do proxecto, que se localice na Mariña

Cun investimento de 800M€, a fábrica tería capacidade para xerar 1500 empregos directos e abastecer de materia prima o sector téxtil, clave para Galicia

Lembra que este proxecto xa foi presentado ao Goberno central, no marco da candidatura galega aos Next Generation, sen que ata o momento houbese resposta

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, manifestou hoxe o seu desexo de que o Goberno se pronuncie sobre o proxecto para construír en Galicia unha fábrica de fibras téxtiles e lle dea o seu apoio no marco dos fondos europeos Next Generation.

En resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento, Conde explicou que se trata dun proxecto sustentable e solvente que forma parte do Polo para a Transformación de Galicia, impulsado pola Xunta coa axuda da Sociedade Impulsa. Cun investimento de 800M€, a nova factoría tería capacidade para xerar 1500 empregos directos e abastecer de materia prima o sector téxtil, clave para Galicia, coa produción de 200.000 toneladas ao ano de lyocell, a partir da reciclaxe de roupa e utilizando madeira dos bosques galegos.

Segundo precisou, esta iniciativa está sendo desenvolvida pola empresa Altri que, neste momento, está avaliando de xeito minucioso os posibles emprazamentos. A decisión da compañía, dixo, dependerá de criterios medioambientais e da dispoñibilidade daqueles recursos que condicionen a viabilidade do proxecto, como é a necesidade de auga doce.


Nese sentido, subliñou que a Xunta é partidaria de que o proxecto se poida levar a cabo na provincia de Lugo, tal e como se aprobou por unanimidade no Parlamento galego; e, máis concretamente, que a planta se instale na comarca da Mariña se a solución técnica garante a viabilidade do proxecto.

O vicepresidente económico lembrou que este proxecto xa foi presentado ao Executivo central no marco da candidatura galega aos fondos europeos de recuperación Next Generation, tanto nas reunións coas responsables de Industria e para a Transición Ecolóxica —Reyes Maroto e Teresa Ribera, respectivamente—, como coa vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, cando solicitou ás comunidades autónomas que entregasen unha lista concreta de proxectos estratéxicos, sen que ata o momento houbese resposta por parte do Goberno.