Fernández-Tapias analiza coas primeiras entidades e asociacións interesadas as necesidades do futuro edificio nos actuais xulgados de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo reuniuse hoxe cos colectivos que trasladaron o seu interese en dispoñer dun espacio para o desenvolver a súa actividade ordinaria

Os orzamentos deste ano reservan xa unha partida de 3 dos 10,9 millóns de euros que se investiran neste proxecto co que se completaran as novas dotacións na zona

Preto de 7.000 metros cadrados de superficie que se porán a disposición dos actores sociais da cidade baixo o requisito de que “realmente o necesiten e o vaian a utilizar”
 

Vigo, 9 de febreiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha reunión de traballo coas primeiras das entidades e asociacións culturais, sociais e comerciais que manifestaron o seu interese en ocupar os espazos do futuro edificio nos actuais xulgados de Vigo co obxectivo de avanzar no proxecto.
Neste sentido, a representante autonómica incidiu na importancia de que sexan os seus futuros inquilinos os que determinen as necesidades destas novas dotacións, toda vez que o Goberno galego reserva xa nos orzamentos deste 2022 unha partida de 3 millóns de euros para esta infraestrutura.
O novo edificio terá así capacidade para converterse nun referente do asociacionismo vigués, con zonas comúns e salas polivalentes. Espazos que se porán a disposición dos actores sociais da cidade baixo o requisito de que “realmente os necesiten e o vaian a utilizalos”, tal e como subliñou a delegada territorial.
A idea, tal e como adiantou Fernández-Tapias é avanzar no deseño deste proxecto en paralelo ao traslado previsto á Cidade da Xustiza, de modo que cando se complete podan licitarse as obras. O Executivo autonómico ten previsto unha inversión de 10,9 millóns de euros para a adecuación deste inmoble da rúa Lalín que albergará novos espazos destinados a asociacións e entidades sociais da cidade. O obxectivo é que as obras de rehabilitación se liciten este mesmo ano.
Ademais das actuacións precisas no que se refire a carpintería, revestimentos, acabados e instalacións, levarase a cabo unha intervención na envolvente do edificio que permitirá mellorar a súa eficiencia e reducir a demanda enerxética.

A Xunta renova así o seu compromiso inversor en Vigo, con actuacións “que verdadeiramente fan cidade”, tal e como sinalou a representante autonómica, ao tempo no que se continúa na senda da rehabilitación e recuperación do patrimonio. Neste sentido, destacou a importancia de establecer “liñas de colaboración cos actores sociais e outras administracións e entidades públicas coa finalidade de reverter o seu uso á cidadanía”.
CIS Olimpia Valencia
En canto ao edificio máis moderno dos actuais xulgados da rúa Lalín, a delegada territorial recordou que vense de licitar a obra do novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia. Unha infraestrutura que, indicou, “vai ser transformadora non só dende o punto de vista asistencial senón, tamén, dende o punto de vista urbanístico”.
Recordou así que as empresas interesadas na execución deste contrato, licitado por algo máis de 12,8 millóns de euros, teñen de prazo ata o vindeiro 21 de febreiro para presentar as súas ofertas. Ao igual que no caso do centro proxectado para o asociacionismo vigués, o inicio das obras desta infraestrutura sanitaria está previsto unha vez conclúa o traslado á Cidade da Xustiza dos servizos e o persoal da Audiencia Provincial, cun prazo de execución de 18 meses.


 

Imaxes relacionadas