A conselleira do Mar presidiu por videoconferencia o pleno do Consello Galego de Pesca no que se debateu o ditame sobre a estratexia de Galicia ante a revisión da PPC

Galicia aproba a estratexia de defensa dos intereses do seu sector marítimo-pesqueiro ante a revisión da Política Pesqueira Común

A titular de Mar agradeceu o inxente traballo dos membros do Consello Galego de Pesca para enriquecer un documento que é clave para definir as prioridades da comunidade e que sexan tidas en conta polas institucións europeas

O informe validado polo pleno incide na remuda xeracional como unha das claves da PPC e avoga porque inclúa medidas que permitan ao sector contar con estruturas produtivas modernas para mellorar a seguridade no traballo, impulsar a competitividade e facilitar a incorporación de xente nova

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe por videoconferencia o pleno do Consello Galego de Pesca no que se debateu e aprobou o ditame sobre a estratexia de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da Política Pesqueira Común (PPC). O Executivo galego e os representantes do sector avalaron o documento final, que foi enriquecido durante o seu paso polo grupo de traballo creado no seo do Consello Galego de Pesca coa finalidade de realizar aportacións e facer unha estratexia o máis adaptada posible á realidade de Galicia.
Por iso, a titular de Mar agradeceu o inxente traballo e as contribucións de todos os membros deste órgano de representación do sector marítimo-pesqueiro galego pois axudaron a contar cun informe claro da situación e das prioridades da comunidade ante a posible revisión da política pesqueira comunitaria. Ese traballo, incidiu, permitirá defender mellor os intereses de Galicia e deixa plasmadas as súas demandas e propostas co obxectivo de que sexan tidas en conta polas institucións europeas.
O Consello Galego de Pesca constatou a necesidade de centrar os esforzos en aspectos básicos como a remuda xeracional, a sustentabilidade da actividade ou a igualdade de condicións no seu desenvolvemento así como a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global co obxectivo de contar cunha política pesqueira forte, garantir o futuro do sector marítimo-pesqueiro e defender os intereses de Galicia fronte a terceiros países.
A titular de Mar salientou que un dos retos máis importantes é a remuda xeracional, sobre a que Galicia defende a necesidade de que a nova PPC contemple medidas que permitan contar con estruturas produtivas -xa sexan buques, bateas, plantas de transformación ou puntos de comercialización- modernas co obxectivo de mellorar a seguridade no traballo e a competitividade contribuíndo ademais á incorporación de xente nova á actividade coa perspectiva de xénero sempre presente.
En relación coa igualdade de condicións de traballo ou level playing field, a comunidade galega ve fundamental dispoñer dunha política pesqueira sólida para que non haxa diferenzas entre os Estados membros e que permita defender os intereses do sector ante terceiros países, facilitando que todos desenvolvan a súa actividade coas mesmas regras de xogo. En canto á sustentabilidade, Galicia aposta porque a futura política pesqueira comunitaria atenda aspectos como o traballo conxunto entre as entidades de representación sectorial, axentes sociais e as ONG para promover a conservación da biodiversidade. Neste eido, tamén avoga por ter en conta a capacidade nutritiva dos produtos do mar, a súa contribución á saúde, e a importancia de recoller as singularidades da actividade do marisqueo a pé como un elemento da PPC.
Precisamente, outro dos obxectivos abordados en relación coa sustentabilidade é o da adaptación ao cambio climático. A comunidade galega ve necesaria a innovación continua nos procesos coa finalidade de conseguir unha produción máis eficiente, con menor pegada de carbono e hídrica, o que xeraría unha oportunidade competitiva no futuro. Ao mesmo tempo, promove unha mellor asignación das cotas de pesca, evitando as rixideces, e a aposta polo concepto de sustentabilidade desde unha perspectiva de equilibrio entre as dimensións medioambiental, económica e social.
Outro dos desafíos de Galicia de cara á revisión da PPC é a cogobernanza global, coa prioridade da loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e medidas como que os distintos estados tipifiquen como delitos penais os danos substanciais ou relevantes sobre os recursos pesqueiros. Neste eido, a titular de Mar tamén expuxo a necesidade de que a Unión Europea promova a creación de Organizacións Rexionais de Pesca (ORP) alí onde non existen para favorecer unha explotación sustentable dos recursos e garantir que todas as frotas cumpren rigorosamente coas normas.

Próximos pasos

A conselleira do Mar explicou que Galicia continuará coa rolda de contactos con diferentes grupos de interese para buscar solucións que satisfagan as demandas do sector marítimo-pesqueiro de Galicia ante a revisión da PPC. Neste sentido, a comunidade manterá esta semana encontros con distintas autoridades da Bretaña francesa -a segunda rexión pesqueira da Unión Europea tras Galicia- e participará no Foro de Rexións Costeiras que se celebra en Brest.
O Executivo galego tamén informará de todas estas xestións aos representantes galegos no Senado, no Congreso e tanto no Parlamento autonómico como no europeo co obxectivo de que adopten as actuacións que estimen oportunas en defensa da proposta do sector marítimo-pesqueiro galego. A Administración autonómica tamén buscará apoios entre as principais entidades pesqueiras europeas como a patronal Europêche e a Asociación Europea de Organizacións de Produtores de Pesca (EAPO), entre outras.

Imaxes relacionadas