A Xunta e as confrarías reiteran a súa vontade de diálogo e de retomar as mesas de traballo co sector bateeiro na busca dunha explotación sustentable da mexilla

A titular de Mar subliña que as negociacións neste eido comezaron en 2020 e que tanto o Executivo galego como as federacións de confrarías mantiveron en todo momento a súa máxima predisposición para acadar unha solución de consenso

As partes mostráronse dispostas a analizar tanto as zonas nas que está restrinxida a extracción de semente de mexillón como as dificultades que atopan os bateeiros para obtela ao tempo que lembraron que están sobre a mesa opcións como manter aberta a recollida de mexilla todo o ano ou o aumento das cordas colectoras, entre outras

O Executivo galego traballa xa no deseño dunha lexislación de consenso que permita actualizar a orde de recollida vixente, do ano 2000, co obxectivo de velar polo control e a trazabilidade do recurso e dixitalizar todos os procesos
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro cos presidentes das federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores no que constataron a vontade das dúas partes de manter o diálogo co sector bateeiro co obxectivo de acadar un acordo que garanta a explotación sustentable tanto do percebe como da mexilla. De feito, tanto a Xunta como as confrarías mostraron a súa máxima predisposición a retomar as mesas de traballo cos produtores de mexillón para revisar as zonas nas que está restrinxida a extracción de semente e as dificultades que se atopan os bateeiros para obter mexilla.
Rosa Quintana lembrou que a Consellería do Mar iniciou os traballos neste eido xa en 2020 e que, desde entón, nin o Executivo galego nin as federacións de confrarías deron por finalizado o diálogo cos bateeiros senón que apostaron en todo momento por acadar unha solución de consenso.
“Aos problemas hai que buscarlles solución nunha mesa de diálogo e temos a oportunidade de acreditar unha vez máis diante de todos que en Galicia sabemos facer as cousas ben e realizamos unha explotación sustentable de todos os recursos”, salientou a titular de Mar. “Entendemos que os bateeiros precisan mexilla para as súas bateas, pero tamén que os percebeiros necesitan que a explotación dos dous recursos se realice do mellor xeito posible”, engadiu.
Nesta liña, as partes analizaron as propostas realizadas polas confrarías co obxectivo de avanzar neste eido ao tempo que as federacións lembraron que os bateeiros tamén teñen enriba da mesa alternativas para abastecerse de semente como ampliar a extracción a todo o ano, aumentar o número de cordas colectoras ou a creación de hatcheries para a produción de cría, entre outras posibilidades.

Reunión cos bateeiros

Este encontro coas federacións de confrarías de pescadores de Galicia prodúcese só un día despois de que a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e o subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, mantivesen unha xuntanza con representantes do sector bateeiro para traballar no deseño da nova orde que regulará no futuro a extracción de semente de mexillón en bancos naturais.
A finalidade desa mesa de traballo é actualizar a regulación agora vixente -que data do ano 2000- co obxectivo de velar pola trazabilidade e o control na extracción do recurso así como impulsar a dixitalización de todos os procesos. Estas melloras permitirán ofrecer as máximas garantías a todos os axentes implicados e garantirán unha explotación sustentable en beneficio tanto do recurso como do propio sector produtor.
A Xunta ve necesario introducir na regulación da actividade os avances tecnolóxicos rexistrados nos últimos anos para facer un seguimento da actividade áxil e sinxelo que permita unha análise continuada da situación do recurso e facilite unha adecuada xestión. Ao mesmo tempo tamén se pretenden incorporar medidas de flexibilidade como a posibilidade de extraer mexilla todo o ano, o que facilitaría o labor do sector.
 

Imaxes relacionadas