A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda compareceu a petición propia no Pleno para falar sobre asuntos relacionados co cambio climático

A Xunta iniciará a vindeira semana a tramitación da primeira Lei do clima de Galicia

Un dos obxectivos desta norma é recoñecer o clima como suxeito de dereito e tamén acelerar o camiño, iniciado pola Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, para garantir a preservación dos recursos naturais

Outro dos grandes fitos de 2022 nesta materia será a posta en marcha da Alianza galega polo clima, unha organización na que se contará coa implicación dos axentes sociais e económicos

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022

A Xunta iniciará a vindeira semana tramitación da primeira Lei do clima de Galicia, co inicio da consulta pública previa. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que compareceu a petición propia no Pleno do Parlamento, para dar conta dos retos en materia de cambio climático do departamento que dirixe.

A conselleira explicou que este texto nace co obxectivo de completar o marco normativo galego, para así contribuír á consecución da neutralidade climática en 2050; e de establecer unha nova orde xeral de prioridades na política, economía, industria e, así mesmo, na vida cotiá.

Indicou que estará en marcada nos obxectivos da Axenda 2030; terá como base a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, para acelerar o camiño que garanta a preservación dos recursos naturais e a recuperación e fortalecemento da actividade económica; e asumirá as actuacións que impulsen xa en 2030 a redución dun 55% das emisións na Unión Europea, respecto de 1990.

Nese sentido, destacou que a futura lei recoñecerá o clima de Galicia como “suxeito de dereito” e incluirá a preocupación da sostibilidade dos sistema social galego, para responsabilizar ás xeracións futuras.

Segundo a conselleira isto tamén implica apostar por un sector industrial e tecnolóxico sostible, polo despregue das enerxías renovables, a consecución da eficiencia enerxética, o desenvolvemento dunha mobilidade sustentable e o reequilibrio e valoración dos servizos ecosistémicos da contorna rural. É dicir, “promover un crecemento sosegado que aposte por unha transición ordenada”, resumiu a conselleira.

Alianza polo clima

Ángeles Vázquez salientou que a loita contra o cambio climático, e os seus efectos, é unha cuestión cuxa solución precisa da implicación do conxunto da sociedade, por iso este mesmo ano verá a luz a Alianza galega polo clima, na que se espera contar coa colaboración dos axentes sociais e económicos. Nese sentido, o primeiro paso para facer esta iniciativa unha realidade será dispor do documento de compromiso de adhesión, que segundo avanzou a conselleira, estará listo neste primeiro trimestre.

Explicou que esta alianza está pensada como unha rede de organizacións que impulsen a economía circular e melloren o medio ambiente, dando a coñecer fórmulas de produción responsable, que axuden a desvincular o crecemento económico e a degradación ambiental.

Salientou que tamén estará aberta a organizacións ambientais, científicas e académicas, para que aporten os seus coñecementos na mellora das prácticas medioambientais. A súa experiencia será fundamental para definir e priorizar estratexias comúns, impulsar iniciativas de mellora, recoñecer publicamente a implicación coa mellora do medio ambiente e, sobre todo, identificar os factores, brechas de coñecemento e de xestión que obstaculizan que as organizacións e entidades asuman un compromiso medioambiental.

Defendeu o traballo do Goberno galego para que sexa unha realidade en 2022 e adiantou tamén a creación dunha oficina técnica, que canalizará o traballo, e a creación dun recoñecemento ás mellores prácticas medioambientais.

En todo caso, adiantou que o Consello da Xunta desta semana aprobará a declaración ante a emerxencia climática na Comunidade, coa que reiterar o compromiso do Goberno galego para frear os efectos deste fenómeno global.

Galicia, parte da solución

A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Xunta leva anos actuando baixo unha única premisa: Galicia é parte da solución ao problema do cambio climático. “Unha senda na que se avanzan pasos seguros, tal e como demostra a redución das emisións de gases efecto invernadoiro nun 23,8%, respecto de 1990”, defendeu.

Salientou que para afianzar esta posición activa apoiouse no capital técnico e humano da Comunidade, como son os técnicos e profesionais do Laboratorio de medio ambiente de Galicia ou de MeteoGalicia, este último un referente climatolóxico e científico, tanto a nivel nacional como europeo, na actualidade. Galicia é, xunto con Cataluña e País Vasco, unha das tres comunidades que conta cun servizo de información meteorolóxica propio, co que ofrece información detallada sobre a evolución do clima grazas as infraestruturas punteiras coas que conta para o seu traballo diario.

Recordou que a solución ao cambio climático esixe unha resposta conxunta, onde “os concellos teñen moito que dicir e aportar”, por iso -para canalizar as súas experiencias e inquedanzas- a Xunta asumiu o papel de coordinadora do Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, ao que hoxe xa están adheridos 278 concellos.

Indicou que como non pode ser doutro xeito, “a Administración autonómica tamén se pon deberes”, por iso xa está abordando os traballos para coñecer a pegada de carbono dos edificios públicos autonómicos e as súas emisión de gases de efecto invernadoiro. En base aos resultados, asumiranse e aplicaranse as medidas necesarias para convertela nunha administración neutra en carbono en 2040.

Por último, salientou a revisión e actualización constante da “pioneira” Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, cuxo primeiro plan operativo contempla 171 medidas e un investimento de 1.280 millóns de euros entre 2019 e 2023.

Imaxes relacionadas