A Xunta aproba máis dun cento de cursos para formar no primeiro semestre ás forzas e corpos de seguridade na AGASP

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública

A Academia seguirá a actualizar os coñecementos do persoal da Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil xunto cos servizos de emerxencias como Protección Civil, GES, servizos de extinción de incendios ou socorristas

A AGASP formará aos alumnos da 14ª promoción de Policía Local que se someterán desde mañá ao venres ao terceiro exercicio do proceso de selección coas probas físicas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra
 

A Estrada (Pontevedra), 8 de febreiro de 2022.- O Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) reuniuse hoxe para, entre outras cuestións, aprobar o plan anual de actividades para o presente ano que conta, no ámbito da seguridade pública, cun total de 104 actividades formativas neste primeiro semestre destinadas ás forzas e corpos de seguridade. No conxunto de todo o 2021 leváronse a cabo 169 cursos para a Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil con máis de 5.400 prazas e máis de 9.400 horas lectivas.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu a reunión e sinalou que entre os cursos previstos para este ano destaca o de especialista en violencia de xénero de 100 horas ou a actualización das últimas novidades lexislativas que afectan á actividade policial como a Lei de Tráfico ou a de seguridade cidadá.
Tamén se prestará especial atención ao eido social, en concreto, en actuacións con menores, persoas maiores e persoas vulnerables, para avanzar cara unha policía de convivencia. A formación vai enfocada tanto á policia de barrio -a máis próxima ao cidadán- incluíndo tamén actividades de prevención e outras máis encamiñadas á resolución de intervencións con cursos máis prácticos.
Ademais, este ano formarase na Academia á 14ª promoción da Policía Local, cos 70 alumnos que xa están en proceso de selección e que farán o terceiro exercicio desde mañá ata o venres, coas probas físicas que se celebrarán no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. A través desta vía cubriranse as prazas comunicadas por 29 municipios, no marco do convenio de colaboración entre a Xunta e os concellos galegos aos que están adscritas 89 entidades locais das 129 con corpos de Policía Local.
Tamén se prevé ao longo do primeiro semestre a publicación de distintas convocatorias para cubrir outras 16 prazas de inspectores e oficiais que integrarán a promoción de mandos que tamén se formará na Academia.
Por outra parte, como novidades para o persoal policial, porase en marcha unha nova aplicación denonimada AGASPFIT con actividades de exercicio físico e adestradores persoais, e un laboratoiro de evidencias electrónicas a disposición dos concellos con datos de valor útiles nas investigacións de accidentes de tráficos ou en delitos de violencia de xénero.
O Consello Reitor da AGASP aprobou tamén a realizacion alomenos dun curso mensual de habilitación de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas cun mínimo de 12 cursos anuais fronte a unha soa convocatoria anual de anos anteriores. Así, para este 2022 está prevista a realización de 18 cursos.
Nesta liña, cómpre lembrar que en marzo do ano pasado a Xunta aprobou o proxecto de decreto que regulará a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público nos que se celebren, co obxectivo de dotar dunha regulación máis práctica e adaptada á realidade e á normativa actual respecto ao anterior decreto de 2010. En canto á formación do persoal de control de acceso, a nova norma substitúe as probas anuais para obter e renovar a habilitación por un curso de 6 horas na AGASP.
No encontro tamén se avaliou a formación prevista para os servizos de emerxencias cun total de 214 cursos con máis de 6.000 prazas e máis de 10.200 horas para cumprir coas demandas formativas e actualizando os coñecementos dos voluntarios de Protección Civil -que tamén deben pasar na AGASP o curso básico para obter o carné de voluntario- ou os efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, así como axentes forestais e medioambientais. Ademais reforzarase a formación en materia de socorrismo co obxectivo de fomentar a inscripción no Rexistro Profesional de persoal socorrista.
A AGASP manterá a aposta pola formación destes colectivos en liña, seguindo a reestructuración feita por mor da pandemia do coronavirus, e irá recuperando a formación presencial e descentralizada de maneira progresiva. Co obxectivo de contar con profesionais de emerxencias ben preparados a formación no ámbito das emerxencias aumenta en canto ao número de cursos dos 117 do ano pasado aos 214 previstos neste 2022.
Para todas estas actividades, a AGASP contará no 2022 cun orzamento de máis de 3,2 millóns euros, un 2,12% máis co ano pasado, e mellorará as súas instalacións coa posta en marcha dunha nova pista polideportiva para a realización de prácticas.

 

Imaxes relacionadas