O presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde, Jorge Canda, supervisaron hoxe os traballos que se están a acometer no polígono industrial de Racela

As obras da nova planta de Sogama na Lama avanzan co fin de que entre en funcionamento a finais deste ano

A futura instalación, que conta cun investimento da Xunta de 1,1 M€, substituirá á microplanta que leva anos funcionando na localidade para mellorar o servizo

Ademais de transferir a bolsa amarela e a bolsa negra, estará preparada para acoller tamén a materia orgánica recollida a través do quinto contedor, o de cor marrón
 

A Lama (Pontevedra), 7 de febreiro de 2022

O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde da Lama, Jorge Canda, supervisaron esta mañá as obras da nova planta de transferencia de residuos que substituirá á actual microplanta, operativa neste municipio pontevedrés desde hai anos. A previsión é que a futura instalación poida entrar en funcionamento no último trimestre deste ano.

Esta planta, que contará cunha capacidade de tratamento para máis de 5.000 toneladas anuais, levantarase no polígono industrial de Racela, nunha parcela de case 2.300 m2, e dará servizo tamén aos concellos pontevedreses de Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.

A nave contará cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación de contedores —con capacidade para dous—, un aparcamento de contedores e unha depuradora de augas residuais. Así mesmo, autoabastecerase enerxeticamente con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables.

A nova infraestrutura, cuxa obra foi adxudicada por un importe superior a 1,1 millóns de euros, permitirá transferir, ademais da bolsa negra e da bolsa amarela, a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón.

Apoio aos concellos para cumprir a Lei


A planta da Lama integrarase na rede de infraestruturas promovida pola Xunta de Galicia para axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias na xestión dos residuos urbanos, a cumprir coas súas obrigas legais. Neste sentido, cómpre lembrar que as entidades locais deben ter implantado o contedor marrón para a recollida da fracción orgánica antes do 31 de decembro de 2023.

Esta rede, cun investimento de preto de 40 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder como resposta da Unión Europea á covid-19, estará conformada por 4 plantas de biorresiduos —unha delas xa en funcionamento, a de Cerceda, e tres máis, cuxas obras están licitadas, que se construirán en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín—, así como por 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica e o seu posterior transporte á planta de biorresiduos máis próxima.

Desta forma, preténdese garantir que a meirande parte dos concellos galegos teñan unha planta de xestión de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
 

Imaxes relacionadas