A Xunta senta as bases para a remodelación da Rede Galega de Música ao Vivo xunto co sector

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse cos responsables das asociacións que representan os intereses dos músicos e das salas para abordar o novo sistema de financiamento deste programa mediante a convocatoria de subvencións

Destinaranse 600.000 euros en dous anos para impulsar as contratacións e a profesionalización ao abeiro deste circuíto de concertos, que recuperará a súa actividade despois de que a pandemia motivara a súa substitución por outras vías de apoio á música ao vivo

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022

O director da Axencia Galega das Industrias Culturas da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, reuniuse cos responsables das principais asociacións representativas dos músicos, Músicas ao Vivo, e das salas de concertos, Clubtura, para acordar as bases da remodelación da Rede Galega de Música ao Vivo, coa que se busca impulsar as contratacións de solistas e grupos da Comunidade e reforzar a profesionalización no funcionamento deste circuíto autonómico.

Con estes fins, prevese destinar un orzamento de 600.000 euros á liña de subvencións a partir da que, por primeira vez nos preto de 15 anos de traxectoria deste programa, se articulará o seu sistema de financiamento. Os detalles desta convocatoria pública centraron a xuntanza que o representante da Consellería de Cultura Educación e Universidade mantivo con Xiana Lastra e Manuel Alonso, presidenta e xerente de Músicas ao Vivo, e Alberto Grandío e María Nieto, presidente e xerente de Clubtura.

Ata setembro de 2023

As destinatarias destas axudas serán as salas privadas de exhibición musical para a organización de concertos de solistas e bandas galegas, con público en directo, ata setembro de 2023 e a súa concesión será en réxime de concorrencia non competitiva, mecanismo que permitirá axilizar a tramitación das solicitudes e o pagamento daquelas propostas que cumpran cos requisitos recollidos nas bases.

Nelas contémplanse, así mesmo, dúas modalidades de subvención. A través da primeira delas, a Xunta financiará o 100% do orzamento de cada local adxudicatario para a organización dun número máximo de actuacións como parte da Rede Galega de Música ao Vivo, mentres que a través da segunda modalidade farase unha aportación por cada un dos concertos que o espazo se comprometa a desenvolver, a maiores dos anteriores.

O circuíto autonómico de concertos retomará así a actividade despois de que as restricións sanitarias provocadas pola pandemia motivaran a súa suspensión e conseguinte substitución por outras vías extraordinarias de apoio ao sector da música en directo a través do Plan de reactivación do sector cultural. Ao tempo, recoñécese o papel fundamental destes locais para o sector musical, tanto na súa condición de impulsores de numerosas carreiras de solistas e grupos, como pola función de centros de dinamización cultural das súas respectivas localidades.

Imaxes relacionadas