Galicia aposta pola innovación para avanzar na sustentabilidade da actividade marítimo-pesqueira

A titular de Mar animou ao sector a participar na convocatoria deste ano de axudas para mellorar as infraestruturas dos portos, lonxas e lugares de desembarque que está aberta ata comezos de marzo e á que a Xunta destina 7,4 millóns de euros

A confraría de Corme beneficiouse dunha achega de 51.200 euros pertencente a esta vía de apoio para a instalación da nova cámara frigorífica do porto destinada a almacenar cebo

Rosa Quintana tamén visitou as instalacións da Agrupación de Mariscadoras Río Anllóns, onde se instalou un sistema de enerxía solar fotovoltaica que contou cunha axuda da Xunta de máis de 33.400 euros ao abeiro Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Costa da Morte
 

Ponteceso (A Coruña), 7 de febreiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo a aposta de Galicia pola innovación dentro da actividade marítimo-pesqueira co obxectivo de avanzar na sustentabilidade e a competitividade do sector. Sinalouno durante unha visita realizada ao porto de Corme, onde comprobou o funcionamento da nova cámara frigorífica de conxelado que teñen neste peirao para almacenar cebo, unha actuación subvencionada pola Xunta no marco das axudas para mellorar as infraestruturas dos portos, lonxas e lugares de desembarque e as condicións de traballo dos pescadores.
A titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, aproveitou a ocasión para lembrar que a convocatoria de 2022 deste tipo de apoios está aberta ata comezos de marzo e que o Executivo galego destina a ela 7,4 millóns de euros, a distribuír nas anualidades 2022 e 2023. Neste sentido, animou ao sector a facer as súas solicitudes e sinalou que destas axudas poden beneficiarse as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores da pesca, as cooperativas e as asociacións de marisqueo a pé e de redeiras. Tamén poden optar a elas as administracións públicas con competencias en portos para proxectos dirixidos á pesca costeira artesanal. Todas elas deben ser entidades sen ánimo de lucro.
Nesta liña, Rosa Quintana especificou que con estas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, se apoia ata o 100% do investimento e detallou que son obxecto delas as actuacións que buscan mellorar a eficiencia enerxética das instalacións, avanzar na protección do medio ambiente reducindo a pegada de carbono e mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras. Tamén son subvencionables as iniciativas destinadas a optimizar a protección dos profesionais do sector ante a alerta sanitaria pola covid-19 e a aumentar a calidade e o control dos produtos desembarcados.
En canto á cámara frigorífica do porto de Corme destinada a almacenar cebo, a conselleira expuxo que para este proxecto a confraría de pescadores recibiu unha axuda de máis de 51.200 euros. Esta actuación consistiu na desmontaxe da cámara frigorífica de conxelado antiga e na montaxe, instalación e posta en funcionamento da nova. Esta mellora, subliñou Rosa Quintana, supón un avance nas condicións de seguridade dos usuarios desta instalación e contribúe á competitividade e viabilidade das empresas pesqueiras da zona, coa inclusión da pesca costeira artesanal.

Asociación de Mariscadoras Río Anllóns

A conselleira tamén visitou as instalacións da Agrupación de Mariscadoras Río Anllóns, no concello de Cabana de Bergantiños, onde se instalou un sistema de enerxía solar fotovoltaica. Trátase dunha actuación promovida pola asociación a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Costa da Morte e que conta cunha axuda da Xunta de máis de 33.400 euros no marco da convocatoria do ano pasado das axudas destinadas aos proxectos destes grupos.
Esta instalación supuxo unha redución do consumo enerxético habitual producido na actividade das mariscadoras, o que permite un aforro enerxético nos usos das zonas de reunión, das actividades sociais e profesionais, de depuración, de oficina e de almacenamento. Deste xeito contribúe a garantir a sustentabilidade da actividade do colectivo, formado por 28 mariscadoras.
Á convocatoria deste ano de achegas ás iniciativas destes grupos, o Executivo galego destina algo máis dun millón de euros e distribuirase entre os GALP que aínda teñen remanente do orzamento asignado a algúns dos seus obxectivos estratéxicos. Desde 2016 a Xunta aprobou máis de 600 proxectos dos GALP que contan cun investimento global de 85 millóns de euros, dos que 37,5 millóns de euros son de axuda pública. Dentro desas cifras inclúense 144 proxectos aprobados na convocatoria de axudas de 2021, que contaron cunha achega pública de algo máis de 7,5 millóns de euros e que en total mobilizarán preto de 15 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas