A Xunta inviste case 350.000 euros no obradoiro de emprego Ricra V, que mellora espazos públicos de Pantón, Sober e O Saviñao

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que o Goberno galego impulsa diferentes medidas para incentivar a xeración de postos de traballo nos concellos

A Consellería de Emprego e Igualdade inviste 1,7 millóns de euros nos cinco talleres que están en marcha na Zona Sur da provincia, nos que foron contratadas 100 persoas que están a formarse en especialidades con demanda no mercado laboral

Pantón (Lugo), 7 de febreiro de 2022

As 20 persoas participantes no obradoiro de emprego Ricra V, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 346.946 euros, están a traballar na mellora de espazos públicos de Pantón, Sober e O Saviñao.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou aos alumnos traballadores en Pantón, onde estivo acompañado polo alcalde, José Luis Álvarez.

O taller comezou o pasado outubro e finalizará a mediados de xullo. Imparte os certificados de Montaxe e instalación de construcións de madeira, con oito alumnos; e Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que conta con 12 inscritos.

Os participantes reciben formación teórica e práctica ao tempo que realizan actuacións como a instalación de mobiliario urbano en diversas zonas dos tres concellos promotores.

Ademais, en Pantón acondicionan espazos como a contorna do Castro, o campo da festa de Ferreira, a área recreativa de Maiorga e a ruta de sendeirismo de Marce e Atán; en Sober acometen labores de mantemento nos miradoiros de Pena do Conde, A Cividade, Muíños da Xábrega-Os Chancís, Santiorxo, Santuario de Cadeiras e O Castelo; e no Saviñao executan traballos forestais e de carpintaría na Devesa e a praza de España en Escairón e no campo da feira de Currelos.

Javier Arias destacou que os obradoiros son unha das medidas de fomento do emprego impulsadas pola Xunta máis solicitadas polos concellos. Este ano están en marcha na Zona Sur da provincia de Lugo cinco talleres financiados polo Goberno galego con 1,7 millóns de euros, que supuxeron a contratacion de 100 persoas desempregadas para formarse e traballar en áreas con demanda no mercado laboral.

Tamén subliñou que a Administración autonómica promove outros programas para incentivar a xeración de emprego local e garantir a ocupación de persoas desempregadas, especialmente das que teñen maiores dificultades de inserción profesional.

Nese sentido, apuntou que ata o 1 de marzo están abertos os prazos de solicitude de tres liñas de axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego nos concellos galegos: o programa Aprol Rural; a dirixida á contratación de perceptores da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga); e a destinada a fomentar a empregabilidade nos concellos para acometer obras e servizos de interese xeral ou social.

Imaxes relacionadas