Galicia mobiliza 13,6 M€ para impulsar a transformación dixital de máis de 200 pemes galegas

A Xunta achega preto de 7M€ en axudas para facilitar a modernización e a mellora da súa competitividade, promovendo investimentos en equipos e software

Entre as iniciativas apoiadas nesta convocatoria destacan a posta en marcha de sofisticados procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e de intelixencia de negocio
 

Santiago, 6 de febreiro de 2022.- A Xunta de Galicia vén de conceder apoios por preto de 7 millóns de euros para que 219 pemes realicen proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que suporán unha mobilización total de investimentos de 13,6 millóns de euros a través das axudas á dixitalización cuxa resolución se publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia.

Cofinanciada por fondos Feder, esta edición da convocatoria incorporou un incremento dos apoios ás pemes de calquera sector do 50% dos investimentos e do 70% no caso das pequenas e medianas empresas dos sectores téxtil e moda, a automoción e a industria auxiliar do naval.

Entre as iniciativas impulsadas nesta edición destacan a implementación de sofisticados procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e sistemas de intelixencia de negocio. Ademais de apoiar a adquisición de equipamentos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.

Difusión e talleres para a transformación dixital

Ademais da concesión destas axudas, vén de resolverse tamén a liña dos talleres de dixitalización, que achegan case 400.000 euros para promover 20 plans de difusión neste eido nos que se prevé que participen arredor de 350 pemes.

Organizados por clústeres e colectivos empresariais dos diferentes sectores produtivos, os talleres apoiados están financiados ao 100% e incentivan a creación de espazos de colaboración entre compañías para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos.

Cunha axuda máxima por proxecto de 25.000 euros, o obxectivo desta liña é colaborar na posta en marcha de sistemas informáticos nos catro ámbitos que teñen máis potencial para achegar valor ás empresas: os proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, os proxectos individuais de conectividade interempresarial, de conectividade intraempresarial e de intelixencia artificial.

Os talleres abranguen distintos ámbitos produtivos e abordarán aspectos como a transformación dixital e a aplicación das tecnoloxías 4.0 nos sectores loxístico, téxtil, a saúde, o turismo, a hostalería, o naval, a pedra natural e a educación, entre outros. Ademais, destacan nesta convocatoria os dirixidos a avanzar na transformación tecnolóxica de empresas de economía social e as situadas en zonas con máis dificultades para o desenvolvemento dixital.

A través destas dúas das liñas de axudas impúlsase a transformación dixital do tecido produtivo galego, co obxectivo de que as pemes, os establecementos comerciais e as agrupacións empresariais poñan en marcha proxectos individuais e colectivos que melloren a súa competitividade facilitando así facer fronte ao actual contexto económico provocado pola covid-19.

Estes programas forman parte do Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio, posto en marcha polo Goberno galego para facilitar a reactivación do tecido produtivo no contexto económico derivado da covid-19. Este paquete de medidas incluíu tamén os cheques de dixitalización, liña que ata o de agora ten permitido que preto de 3500 pemes de todos os sectores impulsen procesos de dixitalización que lles faciliten reforzar a súa actividade, destinándose a estes proxectos case 6 millóns de euros ata o de agora.

Imaxes relacionadas