A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo un encontro co presidente e co secretario da Alianza Europea de Pesca de Fondo

Galicia defenderá en Europa os intereses da pesca de fondo para evitar que novas restricións á súa actividade deriven na perda de buques e empregos

A conselleira do Mar e o presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo coincidiron na importancia de facer fronte aos plans de distintas institucións europeas para impoñer limitacións ao uso de determinadas artes en augas comunitarias

Rosa Quintana incidiu en que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e lembrou que na xestión dos caladoiros deben terse en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana un encontro co presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo, Iván López, e co secretario da entidade, Daniel Voces, no que abordaron as preocupacións e inquedanzas desta frota ante os plans da Comisión Europea e doutras institucións europeas de impoñer limitacións e restricións á pesca con artes de fondo en augas comunitarias. Neste sentido, coincidiron na necesidade de defender os intereses do sector co obxectivo de evitar novas medidas que limiten a actividade extractiva e supoñan a perda de buques e empregos tanto en España como noutros países de Europa.
A representante do Executivo galego e o responsable da asociación europea de pesca de fondo avaliaron as estratexias que pretende poñer en marcha o Executivo comunitario para protexer os recursos pesqueiros e os ecosistemas mariños, ao abeiro da Estratexia de Biodiversidade 2030, e que afectan aos arredor de 8.000 buques e máis de 22.000 traballadores que integran a pesca de fondo europea. Neste sentido, constataron a importancia de facer ver ás autoridades competentes que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e avogaron por evitar que se criminalice a algunhas delas.
A titular de Mar salientou que Galicia sempre defendeu, e así o vai seguir facendo, a necesidade de que na xestión das pesqueiras se teñan en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais. Nesta liña, lembrou que detrás de cada buque e de cada caladoiro hai familias que teñen neles o seu sustento e subliñou que non se poden xestionar os recursos desde unha perspectiva exclusivamente medioambiental.
Rosa Quintana remarcou que é un erro catalogar algunhas artes como prexudiciais, pois o seu impacto depende en boa medida do uso que se lle dea, e salientou o bo facer da frota galega e española, que usa as distintas artes seguindo estritamente a lexislación en vigor. Ese bo comportamento, destacou, levou a que a maioría das pesqueiras nas que faenan os buques galegos se atopen no rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que se pode extraer dun caladoiro sen prexudicar o estado do recurso.

Nova asociación

A Alianza Europea de Pesca de Fondo é unha asociación de recente creación que pretende defender os intereses de arredor de 8.000 buques e uns 22.000 pescadores. O seu presidente, Iván López, é tamén presidente da Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pesca de Bacallau (Agarba) e do Consello Consultivo de Larga Distancia (LDAC).

Imaxes relacionadas