Controlado o incendio forestal do concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín, que afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de arredor dunha hectárea

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2022

A Consellería do Medio Rural informa de que quedou controlado ás 19,06 h. o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín, que afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

O lume iniciouse ás 17,40 h. desta tarde en dous puntos diferentes e, segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor dunha hectárea. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 2 axentes, 3 brigadas e 2 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.