A Xunta inicia as obras de humanización do acceso á estación de autobuses de Carballo para lograr un espazo máis aberto á vila e á cidadanía
A actuación supón un investimento de máis de 48.000 euros e conta cun prazo de execución de 2 meses
O proxecto inclúe os traballos necesarios para acadar a apertura ao exterior da cafetería, coa creación dunha terraza e un acceso ao lado este da estación
A Xunta comezou hoxe as obras de humanización do acceso á estación de autobuses de Carballo, que teñen como obxectivo lograr un espazo máis aberto á vila e á cidadanía.
Esta intervención supón un investimento autonómico de máis de 48.000 euros e conta cun prazo de execución de 2 meses.
O principal obxectivo destas actuacións é crear un espazo de uso público máis aberto á vila, aos veciños e aos usuarios da terminal.
O proxecto inclúe os traballos necesarios para acadar a apertura ao exterior da cafetería, coa creación dunha terraza e un acceso ao lado este da estación.
Tamén se colocará unha malla de peche no espazo colindante entre a dársena e o parque público.
As obras abranguen a reparación do pavimento, o selado de baixantes e a reposición de papeleiras na dársena. Ademais disporanse vinilos nas taquillas.
Estas actuacións súmanse ás xa executadas en 2016 pola Xunta nesta estación, que foi obxecto da reparación da cuberta e da limpeza de canlóns, así como do arranxo da estrutura metálica das dársenas. Tamén se solucionaron as carencias que presentaban os falsos teitos e tabiques danados pola entrada de auga.
Eses traballos, realizados no marco do Plan Renove de estacións de autobuses de Galicia e cun investimento autonómico de máis de 60.000 euros, tamén permitiron reparar os aseos e adecuar a instalación eléctrica.
A Xunta continúa apostando polo transporte público, a través da optimización das instalacións e dos servizos, pero tamén da activación de iniciativas como a tarxeta Xente Nova, coa que 1.500 mozos de Carballo xa fixeron en 2021 máis de 31.000 viaxes de balde.