A Xunta colabora co Concello de Vilanova de Arousa na reforma dun local para o seu uso polas forzas de seguridade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o edificio que se destinará ás dependencias da Garda Civil e no que o Goberno galego investiu 48.000 euros para a súa reforma

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 3 de febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe xunto co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, o local que acollerá as dependencias da Garda Civil no municipio. A Xunta colabora co concello asumindo a reforma do local propiedade municipal para adaptalo ao seu novo uso, o que supuxo un investimento de 48.000 euros.

Alfonso Rueda destacou a importancia da colaboración entre as administracións, como neste caso entre a Xunta e o concello, para levar a cabo proxectos que redunden na mellora da calidade de vida e o benestar dos cidadáns reforzando os servizos públicos municipais. No marco da colaboración co concello de Vilanova de Arousa, o Goberno galego apoia ao municipio no reforzo dun servizo imprescindible para a veciñanza como a seguridade cidadá, tendo en conta ademais que se trata dun concello turístico que na época estival ve incrementada a súa poboación.

O investimento realizado pola Xunta na reforma do local incluíu os traballos de demolición e albañilería coa instalación de alicatados, o revestimento dos falsos teitos ou a división das estancias interiores. Tamén se levaron a cabo tarefas de carpintería e a instalación da iluminación e telecomunicacións, así como o sistema de saneamento e fontanería e a colocación de sanitarios.

O Goberno galego colabora con acordos coma este e con liñas de axudas como a Orde de Infraestruturas de uso público ou o Fondo de Compensación Ambiental (FCA) en iniciativas promovidas polas entidades locais. Así a Orde de Infraestruturas conta este ano cun orzamento de 3,5 millóns de euros e supuxo nos últimos anos un investimento de 40 millóns de euros para executar máis de 1.300 iniciativas. En canto ao FCA, conta este exercicio cunha contía de 11,3 millóns de euros e desde a súa posta en marcha en 2010 permitiu levar a cabo máis de 2.300 proxectos cunha achega de máis de 108 millóns de euros por parte da Xunta.

Imaxes relacionadas