A Xunta apoia a dotación de equipamento do GES da Estrada coa entrega dun vehículo todoterreo

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe do vehículo co fin de atender ás emerxencias e operativos, así como prestar colaboración aos concellos limítrofes

A Xunta investiu 35.000 euros na adquisición deste vehículo que permitirá ofrecer unha atención máis eficiente ao GES da Estrada, que dá cobertura ás incidencias deste concello e aos de Teo, Vedra e Forcarei

A Estrada (Pontevedra), 3 de febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe ao GES da Estrada dun vehículo todoterreo que tivo un custe de 35.000 euros e que esta destinado a atender ás emerxencias e operativos, así como prestar colaboración aos concellos limítrofes. Ao acto tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o alcalde do concello, José López.
Alfonso Rueda indicou que esta entrega súmase ás de vehículos similares nos últimos meses a outros grupos de emerxencias para dotalos de máis medios para que o servizo que prestan aos cidadáns sexa o máis eficiente posible, xa que son investimentos necesarios e permiten algo tan fundamental como a protección e a seguridade da cidadanía.
A Xunta mantén así o compromiso nun eido tan importante para a cidadanía como é o da atención ás emerxencias. E pese a tratarse dunha competencia local, nos últimos anos leva feito un investimento histórico que xa supera case os 20 millóns de euros en material cedido aos concellos galegos, dos cales 8 millóns euros foron para os GES, como este da Estrada, que atende as incidencias deste concello e de Teo, Vedra e Forcarei; e 11 millóns euros para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que co seu traballo altruísta prestan un apoio fundamental aos servizos de emerxencias.
Ao mapa de emerxencias de Galicia incorporáronse o ano pasado o GES da Cañiza xunto cos de A Lama e Mos/Redondela, en Pontevedra; A Veiga e Maceda, en Ourense; e o servizo municipal de emerxencias de Noia no marco dun mesmo convenio entre Xunta, deputacións e concellos. Este ano, debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES as melloras plantexadas en canto á cobertura das emerxencias en Galicia, nas condicións laborais e económicas dos GES existentes e no incremento dos cadros de persoal dos servicios de emerxencia que non contaban con 12 efectivos.
Por iso, Alfonso Rueda destacou a necesidade da colaboración das administracións co obxectivo de dotar aos profesionais destes servizos do equipamento necesario para garantir a súa seguridade nas súas intervencións e, por ende, a dos seus veciños.

Imaxes relacionadas