A Xunta eleva ata os 30 millóns de euros as axudas para a transformación e a comercialización de produtos agrarios

O Diario Oficial de Galicia publicará proximamente esta orde de achegas da Consellería do Medio Rural, cuxo importe é un 15% superior ao da última convocatoria

José Balseiros puxo de relevo que estas axudas perseguen que se creen novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes na nosa comunidade

Mondoñedo (Lugo), 3 de febreiro de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou hoxe que a Xunta convocará este ano un total de 30 millóns de euros en axudas destinadas á transformación e á comercialización de produtos agrarios, o que supón un 15% de incremento con respecto ao consignado na última convocatoria. Así o dixo en Mondoñedo, nunha charla informativa na que se deu conta desta orde de achegas que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia, e na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, así como polo alcalde desa localidade lucense, Manuel Otero.

No encontro, que tivo lugar no auditorio municipal mindoniense, José Balseiros puxo de relevo que estas axudas perseguen que se creen novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes na nosa comunidade. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), as achegas teñen carácter plurianual ao estar destinadas á realización de grandes obras.

O director xeral sinalou que a referida orde ten por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. Así, poderán optar a estas achegas tanto empresarios individuais como sociedades.

Na súa intervención, José Balseiros sinalou que o Goberno galego investiu arredor de 180 millóns de euros nos últimos 10 anos no marco desta liña de achegas -máis de 100 millóns desde 2016-, co gallo de consolidar o carácter estratéxico das industrias agrarias galegas. Así, referiuse a elas como un elemento clave para o desenvolvemento do sector primario e, en consecuencia, para a posta en valor das zonas rurais. Nesa liña, destacou que as instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios posibilitan a viabilidade das explotacións agrarias, dando valor engadido ás producións e facilitando o seu acceso aos mercados, fomentando ademais a creación e mantemento de postos de traballo, beneficiando o tecido económico das zonas rurais.

Imaxes relacionadas