Feijóo salienta a consolidación da FP como unha ferramenta básica para reducir o abandono escolar tras aumentar o número de titulados un 76% desde o curso 2009-2010

En Galicia impártense uns 162 ciclos formativos e másteres de 23 familias profesionais, o que supón un incremento na oferta do 50% con respecto ao curso 2011-2012

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, a consolidación da Formación Profesional como unha “ferramentas básica” para reducir o abandono escolar tras aumentar o número de titulados un 76% desde o curso 2009-2010.

Logo de valorar que a Comunidade ten unha das taxas de gradación máis altas de España tanto en grao medio como superior, Feijóo avanzou que a Xunta está a ultimar unha nova Estratexia Galega de FP.

En Galicia, onde hai arredor de 60.000 alumnos matriculados en FP, impártense uns 162 ciclos formativos e másteres de 23 familias profesionais, o que supón un incremento na oferta do 50% con respecto ao curso 2011-2012.

O titular do Goberno galego lembrou que a Xunta puxo en marcha melloras como a incorporación da FP Básica ou a FP Dual, que se imparte en 57 centros e conta coa participación de 571 empresas, “un 23% máis que no curso anterior”. Feijóo tamén salientou a FP a distancia, destinada a quen xa está a traballar, e os procesos de acreditacións de competencias adquiridas ao longo da vida laboral.

Este ano, ademais, implantáronse os primeiros másteres para impulsar a especialización da FP. Son 13 titulacións que forman a 370 alumnos en sectores punteiros como o 5G ou a fabricación intelixente.

A maiores, Feijóo destacou o esforzo tanto para facilitar o acceso do alumnado a estes estudios -o 36% destes centros están no rural- como para a internacionalización. Más de 2.000 alumnos cursan algún dos 104 ciclos plurilingües e preto de 4.000 participan no programa Erasmus de FP desde 2010.

Feijóo tamén incidiu na colaboración das empresas e a mellora da inserción laboral dos alumnos. Desde 2013 presentáronse 457 proxectos de innovación da FP en colaboración con empresas e multiplicáronse por cinco os viveiros de empresas en centros escolares.

Imaxes relacionadas