O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou hoxe unha das vivendas do municipio nas que se actuou grazas a este programa

A Xunta facilitou case 80 axudas, máis de 341.000 euros, para corrixir impactos paisaxísticos nunha decena de concellos da área de Santiago

Gonzalo Trenor recorda que o Goberno galego lanzou a segunda convocatoria deste programa de incentivos, que no 2022 conta cun orzamento global de 2 millóns de euros

O prazo para a solicitude de axudas ao abeiro da nova convocatoria está aberto ata o vindeiro 21 de febreiro, no caso dos particulares, e ata o 28 de febreiro, para os concellos de menos de 20.000 habitantes

Ordes (A Coruña), 3 de febreiro de 2022

O Goberno galego concedeu 78 axudas para corrixir impacto paisaxístico nunha decena de concellos da área de Santiago, que suman un importe de máis de 314.000 euros. Este é o balance nesta comarca da orde para corrixir impacto paisaxísticos, que se convocou por primeira vez no ano 2021.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitaron o lugar de Cruz en Ardemil para comprobar o resultado dunha das actuacións financiadas, grazas a unha axuda de 3.000 euros, que consistiu no remate exterior da súa vivenda.

O delegado da Xunta concretou que se concederon 69 axudas a particulares, que supuxo un apoio total de 186.000 euros, e 9 axudas a concellos, ao que se lles facilitou un investimento de máis de 154.000 euros.

Durante a visita Gonzalo Trenor tamén informou que neste momento está aberta a segunda convocatoria deste programa de incentivos- dotado dun orzamento global de 2 millóns de euros- para corrixir os impactos paisaxísticos causados polo paso do tempo ou unha mala conservación en vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais. Os particulares que se acollan ao programa terán acceso a un máximo de 3.000 euros, mentres para as entidades locais a subvención poderá chegar ata os 40.000 euros.

En canto á presentación das solicitudes, o prazo rematará o vindeiro 19 de febreiro, no caso das axudas dirixidas a particulares, e o 28 de febreiro no caso dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Actuacións subvencionables e tipos de edificacións

Entre as actuacións subvencionables inclúense, no caso dos propietarios particulares, obras de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas —tamén das cubertas—, acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento ou substitución de celosías.

En canto ás subvencións para concellos de menos de 20.000 habitantes, poderán pedir ata dúas axudas, unha por cada liña: a Liña I, dirixida a actuar sobre o exterior de edificios ou dependencias de tipo sanitario, educativo, cultural ou administrativo-institucional; e a Liña II, pensada para recuperar equipamentos e elementos de uso público —fontes, palcos de música, lavadoiros e hórreos— que debido ao desuso ou a unha deficiente conservación teñan un impacto indesexable sobre a súa contorna.

Éxito dunhas axudas pioneiras

En vista do éxito da primeira convocatoria, Trenor explicou que a Xunta decidiu, no marco da súa aposta polo fermosismo, brindar de novo apoio económico a aqueles cidadáns e concellos dispostos a executar actuacións de renovación, mellora e acondicionamento sobre edificacións da súa titularidade co fin de lograr unha repercusión positiva sobre a contorna, demostrando así o seu compromiso co coidado e a protección paisaxística.

Imaxes relacionadas