A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou no seminario virtual de presentación

A Xunta anuncia a súa adhesión a unha iniciativa europea para avanzar na mobilidade urbana do futuro a través da innovación

A Urban Mobility é un proxecto do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) integrada por máis de 130 axentes de 20 países dos ámbitos industrial, académico, científico-tecnolóxico e autoridades locais e rexionais

Galicia participa de maneira activa nesta rede a través do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), e proximamente a través da propia Administración autonómica

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha xornada de presentación da iniciativa europea Urban Mobility do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) organizada polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), promotor e socio principal do seu nodo sur.

Na súa intervención, Argerey anunciou a adhesión da Xunta a esta iniciativa europea co obxectivo de favorecer a posición de Galicia como laboratorio de tecnoloxías terrestres e aéreas da mobilidade do futuro e para impulsar a cooperación dos axentes do ecosistema galego de innovación con entidades europeas. Así mesmo, subliñou as oportunidades que ofrecen os programas de aceleración postos en marcha no marco desta rede para que o ecosistema galego poña en valor o seu coñecemento e consiga financiamento europeo para desenvolver novos produtos e solucións. De feito, as dúas aceleradoras que se presentaron durante o acto -5GTurbo e E+Mobility- seleccionarán máis de 30 proxectos en 2022.

A directora de Gain enmarcou esta participación no compromiso da Xunta de Galicia coa mobilidade aérea e terrestre sostible, a través do apoio a proxectos de automoción orientados cara as tecnoloxías e os compoñentes do coche do futuro -no ámbito terrestre- e o desenvolvemento de solucións innovadoras para avanzar na integración dos vehículos non tripulados no espazo aéreo compartido con aeronaves convencionais -no ámbito aéreo-.

No eido da automoción, Argerey puxo en valor a aposta polo desenvolvemento do coche eléctrico e autónomo en Galicia, así como o papel de CTAG no desenvolvemento de novas tecnoloxías do automóbil. Destacou tamén o impulso ao emprendemento innovador no sector da automoción, mediante a colaboración con CEAGA na aceleradora especializada en automoción BFAuto.

Por outra banda, no sector aeroespacial, Argerey destacou o proxecto Galician Skyway, desenvolvido nos últimos anos por un consorcio liderado por Boeing Research and Technologies Europe que obtivo solucións tecnolóxicas para avanzar na xestión e seguridade do tráfico de vehículos aéreos non tripulados en espazos aéreos compartidos. Tamén a recente adxudicación a Boeing e Indra para crear un simulador avanzado para a xestión do tráfico aéreo U-Space que converterá o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) nunha infraestrutura pioneira e de referencia para a realización de ensaios.

Por último, subliñou a contribución da BFAero á consolidación de tecido industrial. Nas tres edicións desta aceleradora especializada no sector aeroespacial teñen participado 19 empresas, creado 8 novas empresas, dado emprego a 62 traballadores cualificados e investido 5,3 millóns de euros.

Sobre a EIT Urban Mobility

A EIT Urban Mobility é unha iniciativa do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) que, desde xaneiro de 2019, está traballando a prol da transformación da mobilidade urbana e para que as cidades sexan espazos máis habitables. Conta cun cofinanciamento de ata 400 millóns de euros (2020-2026) dentro do Programa Horizonte Europa e integra máis de 130 de axentes europeos de 20 países dos ámbitos industrial, académico, científico-tecnolóxico e autoridades locais e rexionais. Entre estes socios, atópanse referentes do sector industrial e tecnolóxico europeos coma BMW Group, SIEMENS, Ferrovial, Technion Institute ou Fraunhofer.

O CTAG é promotor e socio principal do nodo sur no que se integran 35 socios, entre os que se atopan Tecnalia, CERTH, SEAT e a Universidade de Lisboa, entre outros. Desde a súa constitución, traballa no fomento do emprendemento e o desenvolvemento de tecnoloxías.

Pola súa banda, o Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) é un organismo da Unión Europea que ten por obxectivo fortalecer a capacidade de innovación dos países da UE propiciando o talento empresarial e apoiando as ideas novas.

As aceleradoras do EIT Urban Mobility

Durante o acto, o CTAG deu a coñecer as oportunidades ofrecidas polos programas de aceleración da EIT Urban Mobility, en particular nos eidos de conectividade, enerxía, micromobilidade e mobilidade compartida.

As empresas seleccionadas poderán acceder a financiamento e beneficiarse do asesoramento das entidades mentoras como CTAG, Universidade Politécnica de Cataluña, Barcelona Activa, CARNET, UPF Ventures, Connected Mobility Hub, CERTH, ENEA, Ferrovial, NextMove, NFF, e FundingBox, así como incrementar a súa visibilidade e promoción da man do Mobile World Congress.

En total, seleccionaranse máis de 30 proxectos en 2022, o que representa unha oportunidade para que as entidades do ecosistema de emprendemento en Galicia poidan posicionarse internacionalmente.

Imaxes relacionadas