A conselleira do Mar asistiu á reunión convocada pola Delegación do Goberno en Galicia para abordar o proxecto de dragaxe do esteiro coruñés

A Xunta congratúlase de que o Goberno central recoñeza a súa obriga de aboar as compensacións aos mariscadores do Burgo e así o recolla no acordo para tramitar os pagos

O Executivo galego lembra que defendeu desde o primeiro momento que é o promotor da obra quen ten que compensar aos afectados e que incluso encargou un informe independente á Universidade de Santiago de Compostela que así o ratifica

A Administración autonómica lamenta a incerteza e o malestar causados nos últimos meses ás mariscadoras e mariscadores da Coruña pola actitude do Goberno estatal tratando de eludir as súas responsabilidade e tardando en aportar unha solución

A Coruña, 3 de febreiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, congratulouse hoxe da consecución dun acordo co Goberno central para o pago das compensacións aos profesionais do marisqueo da ría do Burgo mentres duren as obras de dragaxe no que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico aboará as contías correspondentes aos afectados e a Xunta encargarase de certificar que os posibles beneficiarios son realmente mariscadores.
O acordo acadado na xuntanza mantida hoxe na Delegación do Goberno en Galicia entre representantes da Consellería do Mar, do Executivo central e da confraría de pescadores da Coruña vén a recoñecer o que defendeu o Xunta desde o principio, que o promotor da obra é o responsable de facer fronte ás compensacións. De feito, esta obriga foi ratificada por un informe independente encargado pola Administración autonómica á Universidade de Santiago de Compostela, que certifica que se trata dunha obra de interese xeral e de competencia exclusiva estatal.
A colaboración pechada entre os Gobernos central e galego tamén pon fin á incerteza e ao malestar xerados entre as mariscadoras e mariscadores pola tardanza inxustificada do Ministerio para a Transición Ecolóxica en aportar unha solución. Neste sentido, a Xunta lamenta a situación vivida de xeito innecesario polos profesionais do Burgo nos últimos meses como consecuencia da falta de concreción, dos cambios de criterio e da actitude mantida polo Executivo do Estado tratando de eludir as súas responsabilidades.
Nesta liña, Rosa Quintana lembrou que o Goberno galego brindou en todo momento a súa colaboración e mostrou a máxima predisposición para acadar unha solución o máis rápido posible coa finalidade de evitar prexuízos aos profesionais do marisqueo. “Agora só falta que o Goberno central nos pase a documentación correspondente para proceder cos trámites administrativos e cumprir coa nosa parte: facer as certificacións das persoas que poderían verse afectadas durante a realización das obras pola paralización da actividade, estimar os días de traballo perdidos e o prezo medio que acadaría o produto en caso de manterse a actividade”, detallou a titular de Mar.
A representante do Executivo galego explicou que deses cálculos sairán as cantidades que o Goberno central aboará á confraría de pescadores e que a entidade repartirá posteriormente entre os seus socios. “Trátase dunha boa nova e agardamos que as propias mariscadoras e mariscadores sexan tamén os que asuman os traballos de retirada e posterior sementeira do marisco que agora se atopa na zona; non hai ninguén mellor preparado ca eles para facer esas tarefas co máximo coidado”, salientou a conselleira.

Responsable das compensacións

O acordo acadado vén a ratificar o que a Xunta defendeu en todo momento, que a administración promotora da obra -neste caso o Goberno central- é a responsable de aboar as compensacións aos afectados pola paralización da súa actividade, como aconteceu noutros casos como a construción do porto exterior de punta Langosteira ou as obras da variante de Noia.
A titular de Mar confiou en que, unha vez pechado o capítulo das compensacións, a obra se poida desenvolver con normalidade e que a ría do Burgo volva a ser un espazo para desfrute dos veciños da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, así como do conxunto de Galicia, e o banco marisqueiro produtivo que foi nos anos 80.
A Xunta investiu desde 2009 arredor de 100 millóns de euros no saneamento da ría da Coruña coa realización de distintas actuacións que contribuíron a mellorar a calidade das augas. De feito, nestes momentos non existe ningunha zona con clasificación microbiolóxica C -o que obriga e enviar o produto a bateas de reinstalación para a súa depuración natural antes de ser comercializado- nesta zona, o que facilita o traballo dos profesionais do mar e favorece que o marisco extraído acade mellores prezos no mercado.

Imaxes relacionadas