A Xunta destaca o apoio do grupo de apoio loxístico da Axega en apoio na xestión das emerxencias coa súa participación en máis de 500 dispositivos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva detallou a colaboración do grupo en emerxencias relacionadas coa busca de persoas desaparecidas, a extinción de incendios, as inundacións ou os grandes eventos

O GALI conta con tres drons para dar apoio en distintas situacións de risco

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe no Parlamento galego o importante papel do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) en apoio á xestión das emerxencias en toda a comunidade galega. Así, destacou que o elevado número de intervencións nos que participou nos últimos anos, en máis de 500 dispositivos, demostran a súa consolidación como un bo recurso para colaborar nas situacións de risco.

Santiago Villanueva lembrou que o GALI foi concibido cando se puxo en marcha en 2009 para dar soporte aos Postos de Mando Avanzado (PMA) en emerxencias extraordinarias nas que é preciso activar un Plan de Protección Civil mobilizando medios e vehículos que permitan a comunicación constante entre o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia e os efectivos mobilizados. Nestes casos inclúense tamén os dispositivos de risco relacionados con grandes eventos como festivais musicais ou probas deportivas, nos que o grupo interveu en máis de 150 ocasións.

Segundo expuxo o director xeral de Emerxencias e Interior, o GALI prestou asistencia técnica e medios materiais tamén noutros 80 dispositivos na busca de persoas desaparecidas; en 80 operativos en apoio á extinción de lumes industriais, urbanos e forestais tanto en Galicia como en Portugal e Castela e León, levando auga durante a extinción e apoiando a comunicación; así como en 75 situacións derivadas de inundacións provocadas por fenómenos meteorolóxicos adversos colaborando no achique de auga con medios como o semiremolque e a bomba de achique ou a unidade de drons.

O GALI reforzou precisamente o seu equipamento coa adquisición de tres aeronaves tripuladas de xeito remoto para dar resposta á crecente demanda das súas actuacións coa acreditación ademais da AXEGA como operador de drons ante a Axencia Española de Seguridade Aérea.

A AXEGA tamén participa co GALI noutros dispositivos de prevención asociados á implantación de Plans de protección civil -nos aeroportos, industrias...- e en tarefas de divulgación da seguridade.

Na súa intervención, Santiago Villanueva incidiu no labor do grupo durante os meses máis duros da pandemia do coronavirus tras a declaración do estado de alarma, no que se refire ás tarefas relacionadas coa recollida, a clasificación e o reparto do material de protección aos concellos e residencias. Nesta liña, estendeu o recoñecemento a todos os servizos de emerxencias, aos servizos sanitarios e as forzas e corpos de seguridade na loita contra o virus en primeira liña e desde o primeiro momento.

Por outra parte, sinalou o esforzo da Xunta no funcionamento e a dotación de materia aos servizos de emerxencias da comunidade -tanto Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) como as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC)- e a formación dos seus efectivos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

A Xunta colabora tamén coas administracións locais en completar o mapa galego de emerxencias que na actualidade, entre GES e parques de bombeiros municipais e comarcais ou provinciais conforman máis de 70 servizos de emerxencias para intervir ante calquera incidencia.