A estratexia de alugueiros cero da Xunta xera case 4 M€ de aforro cada ano en Galicia

O secretario xeral Técnico e de Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, Jorge Atán, compareceu na Comisión 1ª do Parlamento

A rebaixa en alugueiros da Xunta na cidade de Ourense é maior que a media en Galicia
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

A estratexia de alugueiros cero da Xunta permitiu reducir en toda Galicia o gasto el alugueiros nun 54,5%, aforrando cada ano case 4 millóns de euros desde a súa posta en marcha no 2009 co obxectivo de poñer en valor o patrimonio propio.

Así o destacou o secretario xeral Técnico e de Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, Jorge Atán, hoxe mércores, na súa comparecencia na Comisión 1ª do Parlamento, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, para responder varias cuestións vinculadas cos servizos administrativos da Xunta na cidade de Ourense.

Neste marco, Jorge Atán subliñou que a rebaixa en alugueiros da Xunta na cidade das Burgas é “mesmo superior” á media en Galicia, pois o Goberno galego pasou de aboar “máis de 1 millón de euros no ano 2009 a pagar un importe anual de 330.435 euros”.

Ademais, durante a súa intervención explicou que a Xunta leva anos desenvolvendo un Plan Patrimonial que, ao unificar servizos diversos, trata de poñer en valor o patrimonio autonómico propio. Atán apuntou actuacións tan significativas nas cidades galegas como a Cidade da Xustiza en Vigo, o Novo Barrio da Residencia en Lugo, o Edificio Administrativo Benito Corbal en Pontevedra, o Edificio Amizar na Coruña ou a sede da Atriga, na mesma cidade de Ourense.

Edificio Administrativo das Lagoas

O secretario xeral Técnico e de Patrimonio lembrou tamén que a Xunta acaba de mercar catro parcelas en Ourense para construír un novo edificio administrativo no barrio das Lagoas, que unificará as distintas sedes autonómicas nese concello.

Estas parcelas están situadas nun solar de grandes dimensións situado preto do centro de Ourense, na zona do Campus Universitario das Lagoas e que actualmente se atopa en desenvolvemento urbanístico.

Esta actuación, puntualizou Jorge Atán, enmárcase no plan patrimonial do Goberno galego para traballar na concentración de espazos administrativos e beneficiar, deste xeito, ao conxunto dos cidadáns na súa relación diaria coa Xunta de Galicia.

 

Imaxes relacionadas