A Xunta apoiou a 30 entidades veciñais de Lugo con máis de 433.400€ na última convocatoria de axudas para contribuír á dinamización da vida local

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe con representantes da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro”, coa que a Xunta colabora con 65.000€ para garantir o seu funcionamento

Natalia Prieto destacou o compromiso da Xunta co movemento veciñal ao incrementar este ano o orzamento das axudas ás asociacións de veciños nun 20% ata os 3 M€

Lugo, 1 de febreiro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Lugo á xunta directiva da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (Cogave) que o ano pasado e tamén neste 2022 asume a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti da provincia de Lugo.

A Xunta renovou o seu compromiso e apoio ás federacións de veciños de Galicia cun novo convenio con Cogave e cinco das súas federacións -a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti de Lugo, a Federación de Asociacións de Veciños Limiar de Ourense, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra e a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao de Vigo- por importe de 65.000 euros co obxectivo de apoiar o seu funcionamento. Así, mantense a colaboración e a interlocución fluída cunha entidade que reúne á meirande parte das federacións veciñais de Galicia. De feito, nos últimos anos o investimento da Xunta froito desta colaboración acada os 579.500 euros.

O Goberno galego conta con outras medidas a prol do asociacionismo veciñal como as subvencións do Plan específico de acción comunitaria para asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, das que o ano pasado se beneficiaron 173 entidades veciñais da comunidade ás que a Xunta destinou 2,5 millóns de euros. Na provincia de Lugo, foron 30 as asociacións beneficiarias e percibiron máis de 433.400 euros para financiar o acondicionamento, a reforma ou a ampliación dos seus locais sociais, así como a compra do equipamento necesario para o seu funcionamento. No caso das comunidades de usuarios de augas tamén se apoian os proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga para garantir o abastecemento.

Na visita, Natalia Prieto destacou a importancia de colaborar coas asociacións veciñais, co obxectivo de contribuír a dinamizar a vida local dos concellos, tendo en conta que son o ámbito máis próximo á veciñanza e as organizacións que mellor coñecen as demandas e necesidades reais da cidadanía.

A Confederación Galega de Asociacións Veciñais "Rosalía de Castro" ten como obxectivo prioritario precisamente dinamizar o movemento veciñal de Galicia, dando os servizos que as federacións de veciños demandan para garantir o funcionamento asociativo e as melloras necesarias para o seu desenvolvemento.

Nesta liña, a Xunta incrementou neste ano nun 20% ata os 3 millóns de euros o orzamento da orde de axudas destinada ao asociacionismo veciñal, coa que se pretende axudar a mellorar a calidade de vida local e impulsar a participación cidadá. Deste xeito, o Goberno galego busca dar resposta ao elevado número de solicitudes que se presentan cada exercicio. Ademais, nos últimos anos leva investido preto de 13 millóns de euros para financiar un total de 1.151 proxectos destas organizacións axudando ao mantemento da súa actividade.
A contía das axudas pode acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.

Por outra parte, a directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta en Lugo visitaron tamén esta tarde a asociación de veciños de San Andrés de Castro, que nos últimos anos recibiu financiamento da Administración autonómica para levar a cabo melloras no seu local social con actuacións para mellorar a accesibilidade, as estruturas, as fachadas ou os teitos.