A atención primaria centra a reunión da Mesa Sectorial de Sanidade

Os sindicatos valoran positivamente o resultado do programa piloto da Xestión da Demanda que proximamente se estenderá a 14 centros de saúde

Outros dos puntos abordados foron a oferta de emprego público de persoal facultativo especialista de atención primaria 2022; a convocatoria do segundo concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal na especialidade de enfermería pediátrica; e as funcións do persoal técnico de saúde de atención primaria, particularmente vinculadas á pandemia da covid, entre outros asuntos
 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022

Hoxe celebrouse a primeira xuntanza de 2022 da Mesa Sectorial de negociación do Sergas presidida pola directora xeral de Recursos Humanos Ana Comesaña Álvarez, que fixo balance do 2021 onde houbo máis de 34 reunións cos sindicatos, con importantes materias de negociación, como as novas categorías creadas, as OPEs e concurso de traslados celebrados, as listas de selección temporal de persoal facultativo especialista de hospital, o Plan de igualdade, entre outras. Así tamén, avanzou a vontade de chegar a importantes acordos este ano no que respecta a redución de temporalidade no emprego, igualdade, así como no plan de ordenación de atención primaria, permisos e licencias, novo pacto de selección temporal, entre outras materias. Nesta xuntanza, Comesaña estivo acompañada por directivos do Sergas, así como polos representantes das organizacións sindicais integrantes da mesa: CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT.

Entre os temas tratados, presentáronse os resultados da implantación do Protocolo de Xestión da Demanda do Equipo (XIDE) que se pilotou nos Servizos de Atención primaria de Illas Canarias (Lugo) e Culleredo (A Coruña) de xeito moi satisfactorio. Actualmente, a demanda de cita está concentrada no médico de familia, que a miúdo ve saturada a súa axenda con actividades intermediarias. Co proxecto, ao distribuír as citas entre os distintos profesionais do equipo, con competencia para resolvelos, mellorase a organización interna e facilitase ao paciente unha atención máis directa, máis accesible e de calidade. Este piloto dará paso a implantación do Xide en Pediatría e tamén incorporará a outras categorías profesionais como a de Fisioterapia. Está previsto en 2022 estender o XIDE a lo menos aos 14 servizos que disporán dun Plan Local de Saúde.

Outro dos puntos abordados foi a oferta de emprego público de persoal facultativo especialista de atención primaria 2022. Logo do seu debate aprobouse, como oferta parcial e anticipada á correspondente ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o este ano, unha oferta de emprego público na categoría de facultativo/a especialista de atención primaria de 106 prazas en total (con 27 reservadas para promoción interna), polo sistema de concurso.

Así mesmo, e tras presentación de alegacións e debate, pechouse na Mesa a negociación dos tres anteproxectos de decreto que se citan, e que foran presentados en anteriores sesións da mesa: o de creación da categoría estatutaria de dietista-nutricionista do Servizo Galego de Saúde, o de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na comunidade autónoma de Galicia, e o de creación das categorías de biblioteconomía e documentación do organismo, o cal comprende dúas categorías: bibliotecario (subgrupo A1) e técnico de grado medio en biblioteconomía e documentación (A2). Estes anteproxectos continuarán coa súa tramitación normativa.

Outros temas tratados

Acordouse tamén, no transcurso da xuntanza, realizar unha convocatoria do segundo concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista na especialidade de enfermería pediátrica, en todas as áreas sanitarias. Neste concurso ofértanse arredor de 30 prazas de enfermeiro especialista o que permitirá ao persoal especialista en prazas de enfermeira con vínculo fixo, acceder a esta categoría mediante concurso de méritos, completando así as 180 prazas comprometidas.

No referido á carreira profesional, aprobouse un novo baremo correspondente á Área I (Actividade asistencial/profesional) do réxime de carreira ordinaria, que valora a actividade, o rendemento, a calidade e a praxe correcta dos profesionais, así como a mellora e actualización de procesos e métodos de traballo. Proximamente publicarase no DOG a nova parte aprobada do baremo (que se une á das áreas III e IV), para que os profesionais poidan coñecela coa debida antelación, con vistas a acceder a sucesivos graos de carreira. Na actualidade perciben algún grado de carreira profesional 20.198 profesionais do Sergas e entidades adscritas á Consellería de Sanidade. Na Atención primaria preto do 90% de profesionais ( 88,37 % ) teñen recoñecido algún grado de carreira. Na nómina de xaneiro se ten aboado o complemento de carreira nas contías previstas para mais de 13.000 profesionais o que supón un incremento retributivo medio de preto do 6%.

Tamén na Mesa sectorial de hoxe concretáronse as funcións do persoal técnico de saúde de atención primaria, particularmente vinculadas á pandemia da covid, con tarefas no eido do seguimento dos casos e xestión das baixas laborais, descargando deste xeito de funcións burocráticas ao persoal médico de familia, para que así este poida centrarse na parte clínica da súa actividade. Estes profesionais desenvolverán o seu traballo nun dobre ámbito: a nivel central con sede na localidade da Estrada, desde a que prestarán servizos de soporte ás sete áreas sanitarias; e a nivel periférico, desenvolvendo funcións de apoio directo aos profesionais nos centros sanitarios.

Procesos selectivos

A Administración sanitaria informou de que mañá e pasado constituiranse os tribunais de oposicións de 24 categorías (que comprenden persoal de oficios, informática e persoal licenciado sanitario de hospitais), que comezarán a elaborar o contido das probas correspondentes con vistas a que os exames da fase de oposición se celebren no segundo trimestre deste ano.

Así mesmo, o Sergas adiantou que está previsto convocar no mes de marzo un novo proceso selectivo (tamén por concurso-oposición) para o persoal de enfermería, no que se ofertará un total de 1.070 prazas e comprometeu unha nova convocatoria de concurso de traslados cuxas prazas se darán a coñecer proximamente.