Gabriel Alén subliña o papel da cultura na formación e o desenvolvemento do eixo atlántico

O delegado territorial manifestou que ‘as proximidades e similitudes que nos definen non se limitan ao ámbito estritamente xeográfico, senón que se aprecian tamén nas sensibilidades parellas e nunha forma moi determinada de entender a realidade’

Ourense, 01 de febreiro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na entrega de premios da XIII Bienal de Pintura Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular que se desenvolveu no Museo Municipal Armindo Teixeira Lopes, na cidade portuguesa de Mirandela, onde puxo de relevo “o papel central da cultura para a construción e o desenvolvemento desta Eurorrexión e do seu sistema urbano”. Aclarou o delegado territorial, que esta non é unha realidade nova, xa que “temos na lírica galego-portuguesa unha testemuña clara desta longa historia cultural conxunta”.

O delegado territorial sinalou que “entre rexións que gardan unha relación de irmandade tan grande como Galicia e o norte de Portugal. As proximidades e similitudes que nos definen – seguiu o delegado territorial - non se limitan ao ámbito estritamente xeográfico, senón que se aprecian tamén nas sensibilidades parellas e nunha forma moi determinada de entender a realidade”.

Este programa, con xa máis de 20 anos, estimula a creación artística, posibilitando simultaneamente o intercambio cultural e o coñecemento de artistas, que no noroeste peninsular constitúen unha contribución extraordinariamente viva e dinámica no panorama cultural europeo. Máis aló diso, o Premio de Novos Talentos Luso Galaicos pretende estimular o esforzo e a creatividade dos máis novos, e suscita un futuro culturalmente rico e diversificado.

Un total de 30 traballos inéditos de creadores e creadoras galegos e portugueses, seleccionados entre 119 traballos admitidos a concurso, conforman a exposición itinerante da bienal, promovida polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular co apoio da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, e que tras Mirandela percorrerá as localidades de Barcelos, Viana do Castelo, Braga, Monforte de Lemos, Maia e Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

A exposición conta con obras dunha ampla variedade de estéticas, linguaxes e técnicas que se presentaron a concurso, que foron seleccionadas polo xurado presidido por Antón Pulido e composto por Carlos López Bernárdez, Helena Mendes Pereira, Patrícia Oliveira e Fátima Teles, vencedora da última edición.

Os premios , nesta edición da Bienal de Pintura ascenden a 4.000 euros para a mellor obra do certame, 2.000 euros para o 2º premio e 1.500 para o Premio Novos Talentos Luso-galaicos, para novos artistas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos de idade.

Imaxes relacionadas